Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2022 | Actualizada ás 15:58
A Consellería de Sanidade destacou este mércores a "evolución clínica positiva" polo momento en Galicia tras detectarse dous posibles casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida nas áreas sanitarias da Coruña e Vigo.
Así o informou nun comunicado de prensa a Consellería de Sanidade, que puntualiza que "polo momento" a Dirección Xeral de Saúde Pública de Sanidade reportou dous casos, un deles detectado na área sanitaria da Coruña e outro na de Vigo.
Sobre o procedemento relacionado co número de casos de hepatite aguda grave de etiología descoñecida observado este ano, inicialmente en Escocia e despois no resto do Reino Unido, Sanidade explicou, que levou ao Goberno de España, xunto á Organización Mundial da Saúde, a emitir unha alerta co obxectivo de coñecer "se podían existir máis casos noutros países, para incorporalos ao proceso de investigación causal".
Así, unha vez recibida a alerta, o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade trasladoulle ás comunidades autónomas unha definición de caso e un procedemento de recollida de datos (enquisa) e de toma de mostras, que son similares ao protocolo de investigación que se emprega en Reino Unido.
Recibida a definición do caso, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade difundiuna a todos os hospitais de Galicia coa instrución de que notificasen ás xefaturas territoriais todos os casos que, desde o inicio deste ano, cumprían a definición. "Esta notificación é só de datos básicos do caso", matiza.
Unha vez terminada a enquisa, a xefatura territorial envíaa, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, ao Centro de Coordinación de Alertas, que recibe tamén do Centro Nacional de Microbiología o resultado das probas que alí se realicen. Ata a data, por parte das autoridades sanitarias de Galicia reportáronse os dous citados casos detectados nas áreas sanitarias da Coruña e Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.