Por Galicia Confidencial | Madrid | 22/04/2022 | Actualizada ás 22:00
Cales son as causas e motivacións dos incendios forestais? Prodúcense maiormente por causas naturais ou pola acción do ser humano? Son froito de neglixencias, provocados por pirómanos ou por incendiarios con algún interese? Segundo un novo estudo sobre a orixe dos incendios forestais no sur de Europa, “os lumes maliciosos están sobreestimados”, é dicir, os fogos provocados por algún interese serían menos dos que se atribúen, sendo máis os que se orixinan por neglixencias.
Un equipo de científicos de centros de investigación de Galicia, Portugal, Italia, Grecia, Francia, Turquía, Croacia e Macedonia do Norte vén de presentar un estudo para tentar identificar as causas e motivacións dos incendios forestais, as cales, din, “son pouco coñecidas no sur e sueste de Europa”.
Os seus obxectivos foron identificar as discrepancias existentes entre as causas e motivacións dos incendios segundo as estatísticas oficiais de lumes forestais dos países do sur de Europa e a percepción dos expertos locais que adoitan elaborar tales estatísticas, pero que tamén están implicados operativamente nas tarefas de prevención e control de incendios forestais; verificar as percepcións común de expertos sobre as causas e motivacións específicas dos incendios entre países; verificar a idoneidade da clasificación harmonizada de causas de incendios proposta pola Comisión Europea como referencia unificada das causas de incendios forestais a nivel europeo, e promover un debate co obxectivo de favorecer o uso da clasificación harmonizada proposta para aumentar as posibilidades de amplo apoio e aceptación entre todos os países.
As queimas agrícolas foron identificadas como a principal causa dos lumes forestais, seguidas de incendios deliberados con ánimo de lucro e a xestión da vexetación
Para isto, reuniron un panel de 271 expertos de Francia, Grecia, Italia, Portugal, Galicia, Suíza, Croacia, Serbia, Bosnia e Hercegovina, República de Macedonia do Norte e Turquía, todos eles profesionais do sector da loita contra lumes e xestión destes (por exemplo, servizos forestais, servizos contra incendios, Protección Civil, axentes forestais, etc.). Os investigadores pediron a estes expertos –29 deles de Galicia– que respondesen un cuestionario para puntuar a importancia de 29 posibles causas dos incendios forestais, recollidas na Clasificación Harmonizada da UE de Causas de Incendios Forestais. Os datos de España limitáronse a Galicia por ser o territorio con maior número de eventos incendiarios; do mesmo xeito, para Francia, consideraron a parte sueste e máis propensa aos incendios no país galo (Rexión Sud Provence-Alpes-Côte d'Azur; Rexión Occitanie e a parte sur da rexión Auvergne-Ródano-Alpes) e Córsega, fronte ás rexións do suroeste, na súa maioría menos afectadas polos incendios. Mentres que o de Suíza, din, “representa un caso interesante pola alta frecuencia de incendios nas ladeiras sur dos Alpes, a Rexión Insubrica, unha zona climaticamente similar á situación mediterránea e propensa aos lumes provocados polo ser humano na estación primaveral, especialmente en marzo e abril, e mostrando unha tendencia crecente nos incendios causados por raios no verán”. Por outro lado, consideraron os países do leste de Europa porque “as proxeccións de incendios forestais mostran que esta rexión podería converterse nunha nova área propensa a incendios nos próximos anos”.
Por outro lado, recolleron tamén os datos sobre incendios forestais do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS), e compararon eses datos cos resultados da enquisa aos expertos.
Nas respostas dos expertos, en conxunto, as queimas agrícolas foron identificadas como a principal causa dos lumes forestais ao obter a maior puntuación, seguidas de incendios deliberados con ánimo de lucro e a xestión da vexetación. Para os expertos consultados, “a maioría destes eventos derivan da neglixencia, mentres que o incendio malicioso está sen dúbida sobreestimado aínda que hai diferenzas entre os países”, apunta os autores do estudo.
Entre as causas coñecidas, as motivacións máis importantes estiveron relacionadas cos incendios forestais involuntariamente causados por persoas en tarefas de queimas agrícolas e a xestión da vexetación. Mentres que os incendios intencionados apareceron na enquisa con menor importancia en comparación cos incendios por neglixencia, o cal, para os investigadores, “confirma que é excesiva a énfase que se lle atribúe aos incendios deliberados”.
CAUSAS DESCOÑECIDAS
As causas dos lumes clasifícanse en primeiro lugar por coñecidas e descoñecidas. Os autores do estudo consideran que “causas descoñecidas”, na súa opinión, “non pode representar unha causa ou motivo dun incendio, só a ausencia de coñecemento do mesmo” e advirten de que “avaliar as actividades de prevención cun obxectivo descoñecido é o mesmo que un tiro na escuridade”.
A causa do lume foi catalogada como “descoñecida” en máis do 75% dos casos en Portugal, Grecia e Croacia, e en menos dun terzo en Galicia, Italia e Croacia
Nos seus resultados, observaron que a proporción de “causas descoñecidas” nos rexistros do EFFIS e a súa percepción entre os expertos variou considerablemente entre os países. Así, o estudo sinala que a causa do lume foi catalogada como “descoñecida” en máis do 75% dos casos en Portugal, Grecia e Croacia, e en menos dun terzo en Galicia, Italia e Croacia.
En referencia á zona queimada, a porcentaxe de incendios de causa descoñecida foron de moderada a considerablemente inferiores, o que, din, “suxire un importante esforzo para desvelar a causa dos incendios maiores”.
Nunha escala de 1 a 5, as valoracións medias dos expertos mostraron valores superiores a 3 no 64% dos países, o que “confirma que o descoñecemento das causas dos incendios se percibe como un problema na maioría dos países”, comentan.
“Un número considerable de expertos eran conscientes do elevado número de incendios cuxa causa segue sendo descoñecida”, expoñen os investigadores.
CAUSAS COÑECIDAS
Sobre os incendios con causas coñecidas e especificadas, as causas deliberadas presentaron porcentaxes moi elevadas, tanto de frecuencia de incendios como de superficie queimada, en Galicia e Italia. Pola contra, estes territorios presentaron as porcentaxes máis baixas de causas por neglixencia, aínda que foi moi valorada entre os expertos, o que, en opinión dos autores do estudo, “confirma un procedemento diferente para rexistrar causas neglixentes ou intencionadas respecto do resto de rexións”.
As causas deliberadas presentaron porcentaxes moi elevadas de frecuencia de incendios e superficie queimada en Galicia e Italia
Para o resto de países, houbo un bo acordo en xeral entre a valoración dos expertos e a frecuencia estatística das causas únicas, con excepción da causa naturalen países do sueste de Europa. Os resultados suxiren a estes autores que os accidentes como causa dos incendios “tenden a ser sobreestimados polos expertos na maioría dos países”.
CAUSAS NATURAIS
As ignicións por causas naturais foron inferiores ao 10% en Portugal e Italia, mentres que constituían unha porcentaxe maior en Suíza e na parte oriental europea, cun pico en Grecia con máis do 38% dos incendios con causa coñecida. Neste último país, “o valor foi o resultado de datos de mala calidade de Grecia, a partir da enorme porcentaxe de causas descoñecidas e da fácil asunción de causa natural para as ignicións restantes”, aportan. Segundo os responsables do estudo, as ignicións provocadas por raios non acostuman superar o 5% do total de lumes.
Nos países do sueste de Europa, observaron que os expertos consultados tenden a subestimar a importancia desta causa de ignición do lume. Isto, din, “probablemente se debe ao reducido tamaño xeral dos incendios naturais, que se traduciron nunha proporción significativamente menor de superficie queimada (menos do 2%)”. Todo o contrario, din, acontece en Croacia e parcialmente en Portugal, “onde a superficie queimada por causas naturais presenta porcentaxes lixeiramente superiores ao número de incendios”.
Como resultado, a valoración media dos expertos, na escala de 1-5, foi superior a 3 para Croacia ("importante") e superior a 4 ("moi importante") só para Suíza.
ACCIDENTES
Os incendios identificados como accidentes superaron o 10% só en Turquía, onde o 13% dos incendios constituían o 43% da superficie queimada por lumes de orixe coñecida. Noutros países, esta ignición provocou porcentaxes bastante similares en canto a número de incendios e áreas queimadas, segundo o estudo. Curiosamente, “malia a limitada proporción xeral de incendios por accidente, os expertos en incendios cualificaron esta causa principalmente como «moi importante» (por riba de 4), o que pode non reflectir a realidade”, advirten os autores da investigación.
O estudo revela que a ignición causada por tarefas de traballo humano (é dicir, a ignición por faíscas emitidas por motores e maquinaria na industria, silvicultura e agricultura, explosións, soldadura, moenda, combustión nos lugares de traballo ou vapores inflamables producidos durante as actividades industriais) resultou na clase máis alta para Portugal, Grecia e o sueste de Francia, seguidos dos ferrocarrís para Turquía, Portugal, Croacia, Grecia e Serbia.
Tarefas de traballo industrial ou agrícola ou os ferrocarrís son algunhas das causas máis comúns de incendios accidentais
Os incendios forestais causados por unha variedade de fallas de liñas eléctricas, din, “son bastante pouco comúns en Europa, coa única excepción de Suíza”, mentres que “son frecuentes e importantes” noutras áreas xeográficas non europeas como California ou Australia. Con todo, recordan que en 2017 tivo lugar en Portugal un incendio forestal extremo provocado polo contacto entre a vexetación e unha liña eléctrica de 15 kV (o incendio de Pedrógão Grande, que calcinou 28.624,7 hectáreas, deixou 66 mortos e máis de 250 feridos). E isto puido ter incidencia no feito de que “aínda que este evento ocorreu despois da nosa enquisa, a valoración media desta causa de inflamación aínda era bastante alta” por parte dos expertos portugueses.
As outras clases de ignicións por accidentes (causadas por vehículos, armas e explosivos, autoignición e outros accidentes ) foron clasificadas como de menor impacto (cunha media por debaixo de 3 puntos outorgada polos expertos nunha escala de 1-5). Os investigadores destacan o feito de que a cualificación mínima que outorgan os expertos á autoignición “contrasta coa mención frecuente da autocombustión supostamente causada por altas temperaturas nos informes dos medios”.
Os datos do estudo indican que os incendios forestais causados pola ignición por accidentes humanos sen intención concentráronse principalmente en Grecia, Croacia, Portugal, Serbia e Turquía, co valor máximo para liñas eléctricas en Turquía, obras en Portugal e ferrocarrís en Croacia.
NEGLIXENCIAS
En canto á neglixencia, foi a causa coñecida máis frecuente en Portugal (43%), Suíza (61%) e Turquía (61%) e a segunda máis frecuente no resto de países. Os expertos cualificaron esta causa como a máis importante da maioría dos países, a excepción de Galicia e o sueste de Francia (en segundo lugar).
A orixe máis recoñecida polos expertos nos lumes en Galicia atópase nas queimas agrícolas
“Discutibles discrepancias coas estatísticas de incendios atopáronse en Galicia e Italia, onde os incendios por neglixencia alcanzaron só o 5,1% e o 14,7%, respectivamente, aínda que para os expertos representaron a segunda causa máis frecuente”, clarifican os investigadores. Para estes, “tales diferenzas poden deberse ao diferente protocolo de rexistro das queimas agrícolas, que algúns países rexistran como neglixencia e outros como queimas deliberadas, que foron de feito a causa máis frecuente coñecida en Galicia (88,9%) e Italia (82,5%) e tamén en Croacia (44,5%) e o sueste de Francia (40,0%)”.
Sobre o uso neglixente do lume, a xestión da vexetación foi valorada moi alta en Portugal (4,3 puntos sobre 5) e Suíza (4,2), mentres que alcanzou unha media superior a 3 puntos en Galicia, Francia, Macedonia do Norte, Grecia, Italia e Serbia. A queima agrícola non só presentou os valores máis altos como un caso de uso neglixente do lume (superior 4 puntos en oito dos 11 países), tamén mostrou unha baixa variabilidade, polo que, en opinión dos investigadores, hai “un forte acordo entre os expertos do mesmo país”.
O valor mínimo nesta clase de incendios corresponde a Francia e Suíza, onde a queima agrícola non se considerou unha causa importante. Para a xestión de residuos, os expertos informaron de valores bastante elevados (media superior a 3 puntos) en todos os países, agás en Francia, Italia, Galicia e Suíza.
As actividades recreativas foron cualificadas como causas relevantes en Suíza, Bosnia e Hercegovina, Macedonia do Norte e Turquía.
Os resultados mostraron tamén o uso frecuente do lume como ferramenta de xestión agrícola, queima de residuos, eliminación de residuos sólidos domésticos, etc., como a fonte máis importante de ignición involuntaria. “O perfil da fonte de ignición que emerxe da enquisa pode estar conectado ao uso tradicional do lume para fins de xestión de terras e recursos, o cal aínda é unha forma común de solución de problemas por parte das sociedades rurais envellecidas, que se traduciu na eliminación de residuos domésticos cando/onde o uso do lume soluciona parcialmente a falta de vertedoiros para residuos sólidos urbanos”, comentan os autores do estudo.
Entre os lumes por neglixencias tamén destacan a extinción inadecuada dos cigarros, onde sete países superaron o valor medio de 3 sobre 5 puntos, sendo os valores máis altos para Turquía, Serbia e Croacia. Pero “a pesar da alta valoración dos expertos, a probabilidade de que un cigarro sexa unha fonte de ignición é bastante baixa e depende moito da posición do cigarro no combustible e das condicións ambientais xerais en termos de humidade e temperatura”, aclaran os investigadores.
LUMES INTENCIONADOS
Sobre os lumes intencionados, explican: “Curiosamente, os incendios deliberados son xeralmente significativamente maiores con respecto ás outras causas de ignición, especialmente no sueste de Francia (ata o 64,7% da superficie queimada) e Grecia (53,3% da superficie queimada, fronte ao 16% dos incendios), o que suxire que os incendios se produciron maioritariamente cando as condicións para o lume eran favorables”. As valoracións medias da enquisa confirmaron a importancia xeral desta causa, sendo a maioría dos valores superiores a 4 na escala de 1-5.
A clasificación de incendios intencionados divídese no estudo en seis clases: intereses (beneficios), conflitos (vinganzas), vandalismo, excitación incendiaria, encubrimento de delitos e razóns extremistas.
Para os intereses económicos, observáronse valores medios por enriba de 4 sobre 5 puntos na República de Macedonia do Norte e Francia, e por baixo de 3 en Grecia, Italia, Serbia e Galicia.
En Galicia recoñecense como causa importante dos lumes conflitos entre veciños e actos vandálicos
O conflito (vinganza) presentou os valores máis altos en Francia (3,6) –“onde a frecuencia dos incendios forestais por diferentes motivos foi moi baixa en comparación coa dos incendios con motivos indeterminados por ser moi difíciles de investigar”, explican- e Galicia (3,6), mentres que o vandalismo mostrou valores da media en xeral baixos, coa excepción de Portugal (4,1 puntos), Bosnia e Hercegovina (3,7), Galicia (3,3) e Macedonia do Norte (3,2).
E atribuíuselle escasa importancia a unha motivación excitadora, con valores de media por enriba de 3 puntos só en Francia, Portugal e Suíza. Mentres que a ocultación dun delito ou crime non foi considerado unha causa importante, coa excepción da República de Macedonia do Norte, como tampouco as motivacións extremistas.
Por outro lado, as causas irresponsables dividíronse en enfermidade mental e e infancia. Segundo a enquisa, os expertos consideran que a enfermidade mental (por exemplo, piromanía), ten unha importancia considerable en Macedonia do Norte, Portugal e Galicia.
Seguindo a American Psychiatric Associations, defenden que “os criterios de diagnóstico formais para o diagnóstico da piromanía son estritos, o que pode xustificar así o frecuente mal uso do termo”. “Como resultado, o papel dos pirómanos adoita estar sobreestimado”, afirman.
En canto aos incendios relacionados con actos irresponsables de nenas e Nenos, esta foi considerada importante só en Bosnia e Hercegovina.
En conxunto, interpretan que “o perfil da fonte de ignición que emerxe da enquisa mostra que os expertos consideran que todo o grupo de incendios forestais deliberados é menos importante que os incendios neglixentes. Isto varía entre os países, pero non é certo para Francia debido ás áreas moito máis grandes queimadas polos incendios deliberados”.
Na súa opinión, “isto confirma indirectamente a excesiva énfase dos medios de comunicación ao asociar paisaxes carbonizadas a incendios deliberados responsables e irresponsables, en parte tamén pola maior probabilidade de que tales incendios se fagan grandes. Neste sentido, os nosos resultados apoian a crecente evidencia de que os incendios forestais provocados por lumes intencionados están sobreestimados en todo o mundo”.
REAVIVACIÓN
Por último, a reavivación ou reprodución dun lume anterior como causa mantívose en xeral en valores insignificantes nos informes de incendios dos países analizados, coa única excepción de Portugal, onde acadou unha porcentaxe do 19%. Non obstante, a valoración media dos expertos europeos consultados estaba entre 2 e 3 na escala de 1-5, coa única e coherente excepción de Portugal, que foi superior a 3.
“Podemos supoñer que aquí os expertos valoraron máis ben a probabilidade de que se reiniciase un incendio segundo a súa experiencia de campo. De feito, a maioría destes reinicios non adoitan rexistrarse como un novo incendio forestal, senón como a continuación do anterior. Este é o caso, por exemplo, de Croacia, Grecia e Turquía, onde ningún informe de incendio menciona esta categoría de ignición”, explican os autores do estudo.
DISCREPANCIAS ENTRE PERCEPCIÓN HUMANA E DATOS
Esta investigación, segundos os seus autores, “destaca claramente as discrepancias existentes entre a percepción dos expertos e as estatísticas de incendios sobre as causas e motivacións dos incendios forestais”.
"A maioría dos eventos foron o resultado de comportamentos neglixentes, mentres que o incendio malicioso foi sen dúbida sobreestimado”
En particular, salientan que “os incendios provocados apareceron con altas porcentaxes nas estatísticas nacionais”, algo que “pode ser o resultado da falta do razoamento dedutivo necesario e dun enfoque de investigación sistemático na análise posterior ao evento”, valoran. Nesta liña, argúen: “Dado o elevado número de ocorrencias, é bastante difícil levar a cabo procedementos detallados para identificar todos os puntos de ignición e deducir a causa precisa do incendio a partir das evidencias visibles que deixa o lume na vexetación, pedras ou estruturas/construcións. Ademais, dado que o uso do lume foi criminalizado no corpus lexislativo da maioría dos países mediterráneos, tamén é bastante difícil atrapar os culpables no acto. Polo tanto, mentres que os incendios neglixentes por actividades agrícolas ou industriais son bastante fáciles de recoñecer, non se pode dicir o mesmo dos malintencionados. Como resultado, moitas das causas coñecidas informadas nas estatísticas nacionais son hipóteses bastante plausibles, moitas veces formalizadas ou só adiviñadas e causas non confirmadas determinadas mediante a identificación da evidencia física no terreo. Isto pode eventualmente representar unha conveniencia para reducir a alta porcentaxe de motivacións descoñecidas nas estatísticas oficiais”.
Os resultados da enquisa, insisten, “confirman a percepción común dos expertos sobre as causas e motivacións específicas dos incendios, que mostraron que a maioría dos eventos foron o resultado de comportamentos neglixentes, mentres que o incendio malicioso foi sen dúbida sobreestimado”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.