Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2022 | Actualizada ás 17:40
A CIG iniciou unha campaña de mobilizacións para esixir máis persoal nas residencias privadas e que "se cumpra" cos cocientes establecidos, así como un incremento destas que permita mellorar tanto as condicións laborais das traballadoras e traballadores como a calidade asistencial que se presta ás persoas usuarias.
A primeira protesta realizouse este luns no edificio Amizar da Coruña, onde están as oficinas da Consellería de Política Social, á que se demandou a equiparación dos cocientes coas que hai nas residencias de xestión pública.
Beatriz Fernández, de CIG-Servizos e presidenta do comité da residencia DomusVi de Ferrol, denunciou falta de persoal que deriva, segundo expuxo, nunha "atención en precario" tanto no relativo ás condicións laborais como á calidade asistencial.
"Estamos a falar de que temos oito minutos para lavar, vestir e levantar unha persoa dependente". "Que condicións laborais son estas e onde están os dereitos das usuarias e dos usuarios a ter unha atención digna?", preguntouse no marco dunhas mobilizacións que continuarán en 15 días en Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.