Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 14:00
Cada 26 de abril celébrase e reivindícase o Día da Visibilidade Lésbica, unha xornada na que se colocan enriba da mesa as loitas das mulleres lesbianas por unha sociedade en que ser quen son non leve aparellado ningún tipo de medo nin discriminación. As mulleres LBT atopan unha dificultade engadida no seu camiño por facerse visibles: o machismo, pero tamén unha gran fortaleza: a sororidade dende a que reivindicaren a súa existencia. Co gallo deste día, en que a asociación Les Coruña organiza no Circo de Artesáns a primeira edición do Orgullo Lésbico 26 de abril 'Lesbiana, bollera, tortillera' cun micro aberto polo que pasarán mulleres referentes LGBT da cidade da Coruña, falamos coa súa presidenta, Sandra López, ao redor do camiño andado e do que queda por diante no activismo lésbico.
Que che parece importante visibilizar neste día?
Cremos que o que non se ve non existe. É importante expresar que non todas as persoas somos heterosexuais. Hai outras moitas realidades distintas que hai que visibilizar para que a xente poida normalizalas. Por iso celebramos este día, para que a xente saiba que hai mulleres que se namoran, queren e sinten por outras mulleres.
Que muros impiden ás mulleres lesbianas ser visibles?
Acontece que unha hetero non ten obriga de saír armario porque ninguén a pon en cuestión. Pola contra, a nós esíxennos esa valentía, e isto é un erro. A presución da heterosexualidade ten que deixar de existir, non só na rúa senón tamén nos protocolos institucionalizados. Nas consultas xinecolóxicas atopamos que quen nos atende dá por feito que todo o mundo é hetero e ten relacións con penetración. Nun hotel, se nos presentamos unha parella de dúas chicas, a reacción máis habitural é que nos ofrezan dúas camas individuais. Coma isto podería poñerche centos de exemplos.
"No conxunto da sociedade, e incluso dentro dos propios colectivos, está moito máis aceptado ser un home gay que ser unha muller lesbiana"
Detrás da invisibilización están os prezuíxos sociais. Se xa de por si existe prexuízo contra todos os temas LGBT+, moito máis contra as mulleres do colectivo, que aínda están, se cabe, máis minusvaloradas. No conxunto da sociedade, e incluso dentro dos propios colectivos, está moito máis aceptado ser un home gay que ser unha muller lesbiana. Por iso ás mulleres nos custa máis saír do armario e visibilizarnos. O machismo chega ata aí.
Esas dificultades para ser visibles tamén as notades, daquela, dentro do propio colectivo?
Cústanos moito que as mulleres se visibilicen, por unha cuestión social e laboral, por medo a perder o seu posto de traballo, por medo a que te sinalen por ser diferente, por medo a facerlle dano ás familias, cando realmente as persoas que están sufrindo o dano son as que non son aceptadas. Estas ideas aínda seguen existindo na sociedade. Hai machismo en como se entende o lesbianismo a día de hoxe. A xente ten máis prexuízos cara as mulleres que cara aos homes, e pasa tamén cos colectivos LGBT+. Temos máis aceptado que un home poida ser gay e segue chocando que unha muller poida ser lesbiana.
Son máis lentos os avances para as mulleres do colectivo?
Son máis lentos, lamentablemente, tanto para as mulleres lesbianas como para as mulleres trans, que están aínda menos aceptadas que os homes trans. A loita dos feminismos está aí por algo. O lesbianismo e o feminismo son camiños que transcorren en paralelo e unidos, non hai outra forma de facelo. Os avances temos que conseguilos a través do feminismo.
"O medo ao diferente por parte da sociedade, ao final, trasládase a nós mesmas"
Unha reivindicación habitual pasa pola necesidade de crear de referentes. Hai poucos ou están moi estereotipados?
Hai poucos referentes visibles. Custa. O ano pasado desenvolvimos unha exposición - 'A rede visible' - protagonizada por mulleres lesbianas que se facían visibles nos seus postos de traballo e que rodou por diferentes puntos de Galicia. Resultounos bastante difícil conseguir mulleres que quixesen saír nela e ser referentes. Moitas dicíannos que non por medo ao que dirán. Nos últimos anos levamos feito moitos avances e as novas xeracións téñeno integrado doutra forma, pero precisamos traballar na xeración de persoas de 35 anos para arriba, porque é a que máis homofobia interiorizada ten. O medo ao diferente por parte da sociedade, ao final, trasládase a nós mesmas.
Sobre se os referentes están estereotipados, penso que cada vez menos. Vese unha evolución pero aínda queda moito por facer: nin toda persoa gay ten pluma, nin toda vai nunha carroza o día do Orgullo. Hai xente que se visibiliza desa forma e é correcto e totalmente respectable, pero tamén hai quen o fai de forma diferente. Penso que deben tamén desaparecer as connotacións negativas dos termos como tortillera, bollera, lesbiana... que moitas persoas utilizan como insulto. Ás palabras non se lles pode ter medo. Hai que sacalas á rúa e reapropiarse delas.
Que avances se teñen dado en todo este tempo de loita? E que queda por diante?
Vanse conseguindo dereitos pouco a pouco, dende a lei do matrimonio LGBTI que permite casar ás mulleres ata a aceptación das parellas de feito para o noso colectivo. Aínda queda moito no que traballar, por exemplo, no tema da filiación. Unha parella de lesbianas, ao contrario do que acontece nunha heterosexual, está obrigada a casar para conseguir inscribir os seus bebés no Rexistro Civil. No tema da reprodución asistida para mulleres lesbianas tamén atopamos aínda moitísimas trabas. Hai sitios onde seguen sen facerse inseminacións a mulleres que son parella lesbianas. Conseguíronse algúns dereitos pero quedan outros moitos.
E no eido laboral? Con que discriminacións batedes?
O principal problema que todo o mundo manifesta é o medo a perder o traballo por sufrir discriminación ou bullying de compañeiros. Observamos que co avance das ultradereitas cada vez retrocedemos máis en todos estes temas.
Este avance das ultradereitas séntese tamén na rúa? Son espazos seguros para as persoas LGBT?
A Coruña é unha cidade que considerabamos segura ata o de agora, pero o ano pasado mataron a Samuel, un acto de homofobia pura e dura. Esta fin de semana foi agredida unha parella en Vigo. Son delitos de odio cara a persoas pola súa condición sexual, e contra eles temos que loitar como sociedade para que as nosas realidades estean normalizadas.
"Intentaremos con toda a nosa forza que Vox non nos leve de novo cara atrás"
Estamos nun momento de repunta de agresións, de discursos LGBTfóbicos con representación directa nas institucións... Que é o que máis che preocupa de todo isto?
Preocúpanme os avances da ultradereita e que non se consigan maiorías suficientes para evitar que Vox entre nos gobernos, porque o primeiro que queren facer é cambiar a lei LGBT ou derrogar a de violencia de xénero. Vox supón unha involución social. No eido lexislativo, nós pedimos que se aprobe dunha vez a Lei Trans, que leva moito paralizada. Dende os colectivos estamos traballando para conseguir dereitos importantes, pero por outro lado, a ultradereita quere levarnos de novo cara atrás, e hai moita xente que escoita os seus discursos LGBTfóbicos e os aplica a si mesmos como propios. Nós intentaremos con toda a nosa forza que non sexa así e que non o consigan.
Tamén é moi palpable nas asociacións como cambian as cousas segundo as cores dos partidos. Por poñer un exemplo, o Concello de Lalín facía un dos mellores Orgullos de Galicia cando gobernaba a esquerda, pero cando chegou a dereita celebrouse un festival moi puntual, nada que ver coa calidade anterior. Notas que os orzamentos para diversidade son máis pequenos e que teñen prexuízos á hora de visibilizar o colectivo por medo a como reaccione a xente. Pálpase no día a día das asociacións tamén no relacionado coas axudas. Cada vez é máis complicado conseguir algo en determinados sitios.
Con que outras discriminacións interseccionan as vivencias lésbicas e cales precisan dunha abordaxe máis urxente?
As máis maltratadas son as mulleres trans. Lamentablemente a sociedade non está capacidada para integralas. Custa que estas mulleres acaden un traballo digno, e moitas rematan na prostitución. Contra isto temos que loitar en conxunto porque é un cancro social. Unha persoa, polo feito de non estar de acordo co xénero no que nace, non debe estar adscrita a determinados traballos. Estamos en débeda con elas, que merecen o mesmo trato digno que calquera outra persoa, e nós estamos na obriga de facer que isto sexa así.
Se falamos doutras interseccións, cómpre nomear as mulleres lesbianas con diversidade funcional, racializadas, xitanas, musulmanas... Canto máis interseccionen, máis fonda é a discriminación, porque ao rexeitamento ao colectivo LGBT, incorpórase o capacitismo, o machismo, o racismo...
"Existe unha migración LGBTI de xente que se ve obrigada a marchar dos pobos ás cidades en busca de liberdade. Que isto aconteza no século XXI é intolerable"
En que espazos seguen existindo máis armarios?
Os armarios seguen sendo os mesmos que hai 40 anos: por exemplo, xente que vive nos pobos pequenos. A cidade dáche certo anonimato e permíteche visibilizarte doutra maneira, pero nos pobos márcante coa letra. Ti es a lesbiana do pobo. Isto segue pasando, e vaste sentido máis pequena e illada. A ninguén lle gusta que a marquen, e menos en algo no que a maioría da xente non ten capacidade de elixir: a atracción por unhas persoas séntela e punto, non sabes por que.
Existe unha migración LGBTI de xente que se ve obrigada a marchar dos pobos ás cidades en busca de liberdade. Que isto aconteza no século XXI é intolerable. Contra todo isto precisamos visibilizarnos. En Rois suicidouse o ano pasado unha chica porque lle facían bullying por ser lesbiana. Cómpre concienciar, educar e chegar aos pobos pequenos onde ás veces custa máis estar.
A educación é o punto chave.
É básica, tanto nos colexios coma nas casas. Da educacion impartida hoxe saen as seguintes xeracións. Se educamos en liberdade e igualdade conseguiremos crear sociedade mellor entre todos.
Para rematar, Sandra, cales son as fortalezas do asociacionismo lésbico?
A nosa asociación naceu da nada, leva tres anos funcionando na Coruña, con accións tamén nos pobos achegados, e en tres anos somos máis de 100 mulleres quen a integramos. A nosa intención é seguir medrando e loitar polos dereitos do colectivo, que no fondo son dereitos das persoas. A nosa fortaleza está en traballar pola visibilización, pola sociabilidade - é importante ter espazos de seguridade nos que relacionarnos - e pola cultura.
Co gallo do Día da Visibilidade Lésbica, o próximo martes, 26 de abril, impulsamos no Círculo de artesáns unha xornada desde as 19:00 horas.
— Concellería de Benestar Social e Igualdade (@coruna_social) April 23, 2022
A iniciativa está organizada xunto a Les Coruña. 🏳️🌈 pic.twitter.com/cfckEsURB7
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.