Por E.P. | OURENSE | 25/04/2022 | Actualizada ás 21:20
Un empresario ourensán, natural da localidade de Avión, foi asasinado nun establecemento da súa propiedade en Cidade de México, onde foi asaltado.
Fontes da Secretaría Xeral de Emigración confirmaron a Europa Press que teñen constancia da morte dun cidadán de orixe galega no país e que están a disposición tanto da familia como das autoridades locais "para o que necesiten".
O empresario Carlos Estévez Álvarez, quen dirixía unha cadea hoteleira xunto ao seu fillo neste país, foi asasinado con varios disparos o pasado domingo durante un asalto organizado por tres persoas na lavandaría qeu rexentaba.
O diario ourensán cita na súa información ao fillo do falecido, que relata que dous anos atrás decidiron abrir unha lavandaría só para uso do hotel, un negocio interno que se situou nun canellón solitario dado que non estaba previsto para que fose utilizado polo público.
O día do suceso, o empresario entraría na lavandaría para recoller diñeiro e pagar aos seus empregados. Á saída, foi asaltado.
Veciños de Avión consultados por Europa Press mostraron a súa consternación polo sucedido e aseguraron que seguen con atención a información que se publica sobre o caso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.