Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2022 | Actualizada ás 13:33
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato Gradua (Ferrol, 1971), defende a súa xestión á fronte do goberno da cidade a un ano das eleccións municipais de maio de 2023, cita tras a que se mostra disposto a "falar con todas as forzas políticas" para garantir a "continuidade" se fose necesario.
Nunha entrevista concedida a Europa Press cando se cumpren os tres anos de mandato e coa vista posta na cita electoral local, o rexedor recoñece que a pandemia marcou o seu período á fronte do goberno local pero pon en valor o "conseguir normalizar" neste tempo "a relación institucional co resto de administracións públicas" e converterse en "bo interlocutor para conseguir que, dalgunha maneira, a cidade puidese xerar emprego e buscar áreas de actividade".
Este labor, sinala, "deu como resultado que o estaleiro de Fene ten carga de traballo para os próximos dez anos con claridade". Ademais, celebra que se acelerou "o máximo posible o programa das fragatas F-110, que xa está en marcha e que vai xerar traballo o próximos dez anos na cidade".
Así mesmo, sostén que, neste tempo, se abordaron "proxectos moi importantes que levaban moito tempo pendentes" e que mellorou a relación co resto de forzas políticas municipais. "Eu comprometinme a normalizar a vida pública, a que puidésemos colaborar en cousas concretas e dalgunha maneira traballar conxuntamente tanto cos partidos que teño á miña dereita como á miña esquerda", destaca o alcalde.
"O que quixen poñer encima da mesa é que a cidade é o máis importante, o benestar dos cidadáns. E, no político, son necesarios cada vez máis acordos", incidiu Mato, que celebra que se pasase dunha etapa na que "había catro ou cinco titulares de problemas coa oposición" a que "verdadeiramente haxa un goberno e unha oposición que colaboren, estable e que traballen xuntos en beneficio dos cidadáns".
Neste punto, defende a necesidade de que haxa unha "continuidade" para que "o crecemento que se está producindo nos últimos meses" na cidade "se manteña no tempo". "Necesitamos gañar poboación, necesitamos concluír esas infraestruturas que están pendentes e iso require tempo", sostén.
"SEMPRE ESTOU DISPOSTO A PACTAR"
Con todo, recoñece que en Ferrol "por desgraza nunca houbo esa continuidade" e ábrese a "falar con todas as forzas políticas" para "volver ter dalgunha maneira a responsabilidade de seguir gobernando".
"Eu sempre estou disposto a pactar pero nin sequera xa o goberno, eu estou disposto a pactar proxectos concretos, orzamentos concretos". "Creo que pactar e dialogar son termos consustanciais á política e oxalá en moitos proxectos houbese directamente unanimidade, porque iso suporía que son realmente bos e que se garante a súa continuidade no tempo independentemente de quen goberna", reflexiona.
Na entrevista concedida a Europa Press, tamén fala dos asuntos pendentes da cidade e avisa das "carencias" da cidade en materia de infraestruturas. Así, tras asegurar que o Executivo estatal "cumpriu" coa posta en marcha de descontos na AP-9, sostén que xa trasladou "en varias ocasións" tanto ao Goberno da Xunta como ao de España que "agora o que toca é abordar a conexión ferroviaria entre Ferrol e o Eixo Atlántico e entre Ferrol e a meseta, tanto desde o punto de vista de pasaxeiros como desde o punto de vista das mercadorías".
Sobre as peticións a outras administracións, incide en que o Goberno central, con quen asegura ter unha boa relación, constrúa o dique cuberto para que Navantia siga sendo un "sostén económico" en Ferrolterra e subliña a necesidade de que a Xunta "exerza as súas competencias en materia industrial". "Porque se algo se botou en falta foi unha política industrial decidida por parte da Administración autonómica", considera.
UNHA "DÉBEDA" PENDENTE DE FEIJÓO
Ademais, lembra que "hai uns meses a Xunta presentou un Pacto de Estado por Ferrol" como unha "alternativa industrial" para facer fronte á crise e critica: "A día de hoxe, a pesar de que llo reclamamos en moitas ocasións, non coñecemos aínda que proxectos ten a Xunta para Ferrol e a súa comarca".
Mato considera que, "a estas alturas" non se pode estar con esa "indefinición" e "sen saber se algún deses proxectos que di a Xunta que ten se van traducir nalgún proxecto real que se poida materializar en Ferrol". "Eu creo que esas son competencias que ten que abordar necesariamente a Xunta e é outra das débedas que deixa Feijóo na súa marcha para Madrid. Ferrol non pode perder o tempo e nós necesitamos, con toda claridade, saber que proxectos quere desenvolver a Xunta en Ferrol", subliña.
Fronte a iso, destaca que o seu goberno, no "ámbito das súas competencias municipais" vai tratar de dinamizar a cidade a todos os niveis. "Por exemplo, seguir xerando actividade no ámbito do comercio, da hostalaría, o turismo", apunta, para asegurar que "mesmo indo máis aló das súas competencias" propuxo a creación dun clúster da industria de defensa na cidade que permita "aproveitar todos os desenvolvementos tecnolóxicos que teñen lugar neste ámbito para trasladalos ao civil", así como a posta en marcha dun "hub de innovación para o desenvolvemento da eólica mariña".
O CONVENIO CON DEFENSA, "ANTES DE FINAL DO MANDATO"
Ademais, preguntado polo seu compromiso de lograr que se peche o convenio urbanístico co Ministerio de Defensa, o alcalde de Ferrol lembra que se trata dun acordo que "leva encima da mesa desde os anos 90" pero asegura que "se vai pechar en meses e suporá a operación urbanística máis importante dos últimos anos".
"A miña relación co Goberno de España e co Ministerio de Defensa é moi boa. Creo que, sen ningunha dúbida, iso pódese culminar antes de final de mandato e creo que nos próximos meses veremos avances moi claros en relación con este convenio", subliña.
SITUACIÓN DA AGRUPACIÓN LOCAL
Na entrevista e cuestionado sobre se as diferenzas co sector próximo á anterior secretaria xeral local, Beatriz Sestayo, están enterradas despois de que o PSOE de Ferrol conseguise presentar unha candidatura única para a asemblea local despois de 14 anos, incide na necesidade de "dirixir todos os esforzos" a "mellorar a vida da xente" unha vez que o Partido Socialista "chega ás institucións".
"Creo que estas cuestións, que son de carácter orgánico, non poden trasladarse ao labor institucional e, nese sentido, eu quixen que non só désemos un paso á fronte, senón que, dalgunha maneira, fósemos unha agrupación consolidada", expresa.
"O PSOE gobernou e goberna moitísimas institucións e, desde logo, non traballamos para ser cada día máis fortes como agrupación política, senón para conseguir ter a confianza da cidadanía e, unha vez que estamos aquí gobernando, o lóxico é que vaiamos todos para tratar de facelo o mellor posible", asegura para defender que a de Ferrol é "unha agrupación unida, que traballa para mellorar a vida dos cidadáns".
Así, reflexiona sobre que "ao final o importante é seguir tendo a confianza da cidadanía" e considera que "os proxectos que nacen divididos e con polémica nunca teñen tanto respaldo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.