A Feira do Libro chega a Santiago da man dunha decena de librarías e 75 autores

Abre as súas portas na Alameda ata o vindeiro domingo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2022 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

Este domingo 1 de maio arrincou a Feira do Libro de Santiago de Compostela, que no paseo central da Alameda acollerá ata o próximo 8 de maio a unha decena de librarías e editoriais, con 75 autores e autoras que prevén 55 firmas nas diferentes casetas.

A feira, na que haberá presentacións, debates literarios e encontros, así como actividades infantís, foi inaugurada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, que estivo acompañado ademais polo alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Román Rodríguez agradeceu ao gremio das librarías a súa contribución para que en Galicia "haxa cada vez máis lectores" e lembrou que é a autonomía con máis librarías por habitante. "Os libreiros conectan dunha forma especial co conxunto da sociedade, desde os grandes afeccionados que acoden comprar as últimas novidades aos lectores esporádicos que empregan as feiras para retomar o hábito atendendo algunha recomendación", comentou.

O representante autonómico referiuse ao último Barómetro do Consello da Cultura Galega, que "recolle que case a metade das empresas vinculadas ao tecido cultural galego incrementaron en 2021 a súa facturación e que a gran parte esperan superar neste ano ao anterior en termos de ingresos".

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na inauguración da Feira do Libro en Santiago de Compostela.. PEPE FERRIN
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na inauguración da Feira do Libro en Santiago de Compostela.. PEPE FERRIN | Fonte: Europa Press

A encargada de dar o pregón foi a escritora Berta Dávila, que segundo trasladou a organización nun comunicado, foi "especialmente fermoso", ao recorrer á "emoción" desde o primeiro libro elixido por unha mesma na infancia e a importancia de gozar da lectura "sen molestias, como un xerador de desexo e felicidade". Posteriormente tomou tamén a palabra o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Manuel Domínguez López, que destacou a importancia de situar as librarías como espazos "de encontro e de contacto" e o valor dos libros e da literatura na sociedade.

A feira do libro, explican nun comunicado, é unha das 13 do circuíto de feiras do libro que celebra a Federación de Libreiros de Galicia co patrocinio da Xunta. Tras Santiago (segunda parada despois de Ferrol), a feira pasará por Lugo (do 17 ao 22 de maio) e O Porriño (do 26 ao 29 de maio). Posteriormente, estará en Vilalba (do 3 ao 5 de xuño), Ourense (do 8 ao 11 de xuño), Vigo (do 1 ao 7 de xullo), Ponteareas (do 14 ao 17 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15) e Monforte de Lemos (do 24 ao 27).

Tamén se está levando a cabo a promoción no exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais como a de Buenos Aires, na que Galicia participa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta