Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 06/05/2022 | Actualizada ás 10:09
A Garda Civil mantén aberto no Grove un dispositivo de procura desde a tarde deste pasado xoves para localizar a un mergullador veciño de Vilargacía de Arousa, duns 44 anos de idade, cuxo vehículo permanece estacionado na zona de San Vicente desde o luns.
Segundo informaron a Europa Press fontes do Instituto Armado, sobre as 17,30 horas do xoves a Benemérita tivo coñecemento da presenza dun coche aparcado desde facía días na zona de San Vicente, no Grove, na urbanización O Carreiro.
Unha vez identificado que correspondía a un submarinista veciño de Vilagarcía duns 44 anos de idade que vive só, que habitualmente acode a mergullar pola zona, púxose en marcha un dispositivo.
Este xoves pola tarde-noite participaron, indicaron Salvamento Marítimo, o helicóptero 'Pesca 1' da Xunta, a embarcación 'Río Guadalope' da Garda Civil e unha embarcación neumática do Grove, así como Protección Civil por terra.
Sobre as 22,00 horas deste xoves, destacou a Garda Civil, atopouse no marco do dispositivo de procura preto dun illote unha aboia de submarinista cunha cesta de pesca que se baralla que pertenza ao desaparecido. Este venres participan no rastrexo o Servizo Marítimo da Garda Civil e patrullas de Seguridade Cidadá, así como mergulladores dos GEAS do Instituto Armado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.