O Club Financeiro reclama a fusión dos concellos de Compostela, Ames e Teo

Pide que "se responda ao que xa é un feito".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/05/2022 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

O Club Financeiro de Santiago (CFS) reclama que se institucionalice a fusión de Compostela, Ames e Teo nun único concello, "respondendo ao que xa é un feito". "Formamos unha cidade de 150.000 veciños a quen nos están negando o noso dereito a vivir mellor e a sentirnos aínda máis orgullosos do lugar que habitamos", asegura o presidente dos CFS, Roberto Pereira, nun artigo que recolle a revista desta organización.

Unha parella de peregrinos toma unha foto na Catedral de Santiago durante a ponte de San Xosé
Unha parella de peregrinos toma unha foto na Catedral de Santiago durante a ponte de San Xosé | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Tamén o politólogo Xosé Luís Barreiro di na mesma publicación que "hai que fusionar as cidades reais para que teñan administracións reais".

O presidente do Club Financeiro considera que "Ames, Santiago e Teo forman a ollos dos seus habitantes un único termo municipal, compoñen un concello a nivel de rúa plenamente normal.

"En suma, a unión é un feito cuxa verificación resulta doada con só circular polas nosas estradas, entrar nos nosos parques empresariais, darse unha volta polos nosos centros comerciais ou pasear por tantas urbanizacións ou vivendas dispersas que se levantaron na contorna rural", sostén.

Agrega Roberto Pereira que, "malia esa realidade", os composteláns teñen que soportar servizos públicos "xestionados como leiras segregadas, ou transixir cunha menor achega dos fondos estatais, ou cotizar para pagar cargos políticos redundantes". "Pura ineficiencia que xera incomodidade aos veciños e disuade a emprendedores empresariais con visión de futuro, que quererían apostar por unha Compostela con maiúsculas, fronte a un Santiago que, sendo un referente en Europa, dilapida por miopía dalgúns as súas capacidades", apostila.

O Club Financeiro de Santiago denuncia que "ao disparate municipal vixente en Compostela hai anos que lle saltaron todas as costuras, polo que non valen remiendos nin demoras, nin mancomunidades nin 'xa falaremos'".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta