Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 18/05/2022 | Actualizada ás 14:14
O II Avoa Fest pechará maio cunha romaría dos anos 50 na que, ademais dunha morea de postos de degustación de cociña tradicional, haberá alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, xogos tradicionais e, por suposto, unha verbena á noitiña
Impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, o festival naceu baixo o paraugas da marca Pontevedra Capital Gastro co obxectivo de poñer en valor as receitas tradicionais das nosas avoas, cunha primeira edición que incluíu uns inesquecibles Desafío Filloa e Árbore da Memoria, e regresa neste 2022 disposto a superarse cunha proposta que nos fará viaxar ao pasado.
Unha nostálxica programación que se desenvolverá na xornada do sábado 28 de maio, entre as 12:00 e as 00:00 horas, no privilexiado escenario natural da Illa das Esculturas. “Un día enteiro de festa, de romaría, da mañá á noite, desas que se celebraban antes e que tamén forman parte do noso acervo cultural e etnográfico", explicou esta mañá no Concello de Pontevedra a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, durante o acto de presentación do festival.
Nunha comparecencia na que a socialista estivo acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, Blanco avanzou que programa de actividades inaugurarase ás 12:00 horas coa apertura dos postos de comida e bebida, unha alborada e actuación da asociación cultural Vides Novas. Tamén haberá xogos tradicionais a cargo das diferentes asociacións de veciños de Pontevedra, que estarán apoiadas polos rapaces e rapazas da agrupación deportiva HQR!”. “Os postos de cociña deste Avoa Fest -indicou Yoya Blanco- foron ofertados á hostalería e empresas de alimentación da cidade, coa finalidade de impulsar, promover e poñer en valor a cociña tradicional e o seu tratamento por parte dos hostaleiros de Pontevedra”.
Tamén participará o grupo de gaitas Os Alegres e xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, darán comezo os campionatos de dominó e tute por parellas. A partir das 22:00 horas haberá unha verbena que se prolongará ata medianoite e que lle porá a guinda a esta romaría dos anos 50.
“Ao pé do Lérez, moi preto da Illa das Esculturas, celebrouse toda a vida San Benitiño. Alí temos os salóns do Lérez -engadiu Iván Puentes, que están vencellados histórica e culturalmente a este tipo de tradicións", lembrou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.