As brigadas deseucaliptizadoras chegan a Lousame para recuperar o bosque autóctono

O voluntariado da asociación Verdegaia colaborará coa comunidade de monte veciñal en Vila Coba para eliminar brotes de eucalipto e reforestar a zona con árbores autóctonas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A comunidade do Monte Veciñal en Vila Coba, en Lousame, é un último territorio que vén de incorporarse ás Brigadas Deseucaliptizadoras. A iniciativa amplía deste xeito os territorios nos que realiza o seu traballo na procura de eliminar as especies exóticas e invasoras naqueles lugares onde existen terreos de entidades que queren recuperar o bosque autóctono.

Lousame
Lousame | Fonte: Verdegaia

Así, as persoas brigadistas colaborarán con esta entidade nunha zona de varias hectáreas que foi deseucaliptizada pola comunidades. Nesta ocasión, as Brigadas contribuirán a eliminar rebrotes de eucalipto para posteriormente, no inverno, reforestar a zona con árbores autóctonas. O traballo comezará o próximo 21 de maio e terá como punto de encontro o Campo de Fútbol de Vila Cova. Para participar é necesario estar inscrito como Brigadista e terse anotado aquí previamente para a realización da actividade.

Ao longo do 2021 as Brigadas realizaron 16 intervencións en 7 lugares propiedade de comunidades de montes e asociacións veciñais. No que vai de 2022 xa levan intervido en 7 localidades con 11 accións.

As Brigadas Desucaliptizadoras son unha iniciativa da Asociación Ecoloxista Verdegaia que teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordinar persoas de todo o país "con vontade de botarse ao monte para realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas persoas titulares dos terreos". Traballan, así, sobre aqueles espazos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras.

As accións das Brigadas teñen como obxectivo que as zonas intervidas non volten ser pasto do lume e que sirvan como zonas protectoras, ao actuar como cortalumes verdes e corredores de biodiversidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta