Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2022 | Actualizada ás 21:00
Dúas das integrantes do sindicato PROSAGAP iniciaron o pasado sábado, 14 de maio, unha peregrinación dende o Cebreiro que ten como obxectivo "denunciar a situación de precariedade e malestar na que se atopa o persoal eventual da Sanidade Pública Galega", explican nun comunicado. A andaina finalizará este próximo sábado 21 co acompañamento doutras persoas afiliadas durante a última etapa do Camiño.
Dende PROSAGAP afirman que esta protesta rematará "unha vez que as nosas reivindicacións cheguen a Santiago, logo de ter percorrido Galicia con elas". Estas demandas, que levan escritas dentro de cunchas de vieira, foron comunicándose polo sindicato ao longo de toda a semana a través das súas redes sociais.
Unha das máis sinaladas, de acordo cas promotoras da acción, é a da cuestión da carreira profesional. "Un complemento salarial que premiaría a lealdade ao sistema e a dispoñibilidade dos e das profesionais, e que lle ten sido inxustamente negado ao persoal eventual, o que provocou diversas denuncias que, recentemente, deron a razón xudicial ao sindicato".
Como colofón do Camiño, espérase que un grupo de persoas afiliadas ou simpatizantes
do sindicato reciban as dúas mulleres que saíron do Cebreiro na súa chegada a Compostela, na mañá do próximo sábado 21, e as acompañen na entrega das reivindicacións na Praza do Obradoiro.
O razonable sería que, cando unha persoa se xubila, se sacase por OPE a súa praza para ser ocupada por outra profesional. O que acontece, pola contra, é que só unha porcentaxe destas prazas sae a oposición, deixando o resto para ser cubertas por eventuais con contratos peores 👇 pic.twitter.com/0uwHNrR2Ch
— SINDICATO PROSAGAP (@prosagap) May 19, 2022
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.