Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2022 | Actualizada ás 17:32
As representantes do Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública (Prosagap) culminaron este sábado a VII Marcha de Eventuais do SERGAS tras iniciar o Camiño de Santiago desde O Cebreiro. Esta iniciativa sindical busca denunciar e facer visible a situación á que se enfrontan os traballadores temporais da sanidade galega. "Queremos pór en evidencia a precariedade laboral que segue existindo para os eventuais dentro do Sergas, camiñamos cada día por un motivo", afirmou, en declaracións a Europa Press, a sanitaria e unha das camiñantes, Eli Dosil.
Os eventuais traballan mediante contratos encadeados que en ocasións suman centos, unha práctica fraudulenta que podería axudar ao Sergas ao dispoñer dos traballadores cando convén e non ter que pagar pluses de diversoa clase. "Merecen a mesma consideración que un fixo, reclamamos a necesidade dun pacto de contratación máis xusto, que trate aos eventuais de forma digna e con continuidade", constatou Dosil.
Un dos obxectivos principais desta marcha foi protestar sobre a carreira profesional, un complemento salarial que "premia a lealdade ao sistema" dos sanitarios. "Sería imposible sacar adiante a situación pandémica sen o persoal temporal", explicou a sanitaria. "Deixar aos eventuais fóra deste recoñecemento é un insulto", aseverou Dosil.
Hai aproximadamente un mes, o Tribunal Supremo ratificou a denuncia interposta polo sindicato sanitario, polo que o Sergas ten xa a obrigación de facer extensible a carreira profesional aos eventuais. A representante proclamou que desde o sindicato "non viron ningún tipo de movemento" do Sergas, polo que declarou que "estarán encima" da administración. "Somos optimistas, e senón, seremos batalladores", afirmou Dosil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.