Juan Gestal: "A varíola do mono ten cadeas de transmisión ocultas que cómpre esclarecer"

O epidemiólgo asegura que seguirán aumentando os casos "durante un tempo", pero salvo que se infecten reservorios locais (roadores silvestres), "chegará un momento no que descenderán e desaparecerá a enfermidade do noso medio".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade detectou polo momento tres posibles casos da varíola do mono en Galicia que, polo momento, están á espera dun diagnóstico definitivo mentres se analizan as mostras no Instituto de Saúde Carlos III de Madrid. No conxunto do Estado español, os casos en estudo elévanse a 60, de xeito que se sitúa como o territorio, xunto con Portugal, máis afectado por esta enfermidade, moi parecida á varíola humana pero menos transmisible e letal. 

Arquivo - O doutor e epidemiólogo Juan Gestal na presentación do seu libro 'Pandemias. As epidemias que arrasaron á humanidade'.. BOLANDA EDICIÓNS - Arquivo
Arquivo - O doutor e epidemiólogo Juan Gestal na presentación do seu libro 'Pandemias. As epidemias que arrasaron á humanidade'.. BOLANDA EDICIÓNS - Arquivo

Segundo explica a Organización Mundial da Saúde (OMS), que alerta dun notable incremento de casos no mundo, a infección ten dúas fases: unha primeira caracterizada pola febre, celafea intensa, dor lumbar e muscular e falta de enerxía, e outra segunda que se corresponde co período de erupción cutánea. Se ben "unha parte significativa dos casos se identificou entre homes que teñen sexo con outros homes", a ONU pide non estigmatizar esta enfermidade. O risco maior, di, está no "contacto físico próximo con alguén infectado", cousa que "non se limita ás relacións homosexuais". 

GC fala co epidemiólogo e profesor emérito de Medicina Preventiva na USC, Juan Gestal, para coñecer as claves desta enfermidade e a súa posible evolución no entorno máis achegado.

Que causa a varíola do mono? De que se trata este virus?

É un orthopoxvirus, un virus emparentado co da varíola, identificado en 1958 no Laboratorio

Varíola do mono
Varíola do mono | Fonte: AXENCIA DE SEGURIDADE SANITARIA DO REINO UNIDO - Europa Press.

do Instituto Serolóxico de Copenhague co gallo de producirse nuns monos cos que se estaba

traballando na vacina da poliomielite, un gromo dunha enfermidade exantemática similar á varíola humana, de aí a denominación de varíola dos monos.

Os primeiros casos humanos detectáronse en 1970 no Zaire (actual República Democrática do Congo) durante a campaña de erradicación da varíola, e afectou na súa case totalidade a nenos menores de 10 anos. Sabemos desde entón que esta enfermidade é endémica en África, que os seus reservorios son esquíos e outros roedores silvestres dos bosques tropicais, e que observamos un incremento de casos nestes últimos anos. Existen dúas liñaxes, a da conca do Congo e República Centroafricana, que ten unha letalidade próxima ao 10%, e a occidental (Nixeria, Liberia, Serra Leona, Ghana, ...) cuxa letalidade é do 1%, que é a responsable do gromo actual. 

En 2003 houbo un gromo nos Estados Unidos cuns 34 afectados, debido á importación como mascotas de ratas xigantes de meixelas africanas procedentes de Ghana, que transmitiron o virus aos “perritos de la pradera” americanos, uns roedores tamén usados como mascotas, que son tamén reservorio da peste.

A OMS vén de advertir agora dun notable incremento de casos. Estamos nun escenario que entra dentro da normalidade ou hai indicios no comportamento deste virus que deban alertarnos?

De momento non hai datos que poidan facernos pensar nun comportamento raro deste virus, aínda que é sorprendente esta afectación case en exclusiva de homes que practican sexo con homes. Iremos vendo a evolución.

"É importante tratar de esclarecer as cadeas de transmisión ocultas que non foron detectadas non sabemos durante canto tempo"

É posible establecer o foco e ruta que está seguindo esta varíola? Cómpre traballar no rastrexo de casos?

Cando apareceron os primeiros casos, seguramente se tardou tempo en pensar que puidera tratarse de casos de varíola do mono, unha enfermidade nada frecuente no noso medio. Polo tanto, ten que haber moitas cadeas de transmisión aínda descoñecidas. A maioría dos médicos non viron casos de varíola e moitos nin estudaron a enfermidade. En 1972, cando aínda se producían casos de varíola humana, na antiga Iugoslavia tardouse preto dun mes en saber que un peregrino que regresaba da Meca, e visitou centros de saúde e hospitais, presentaba un cadro de varíola. É importante tratar de esclarecer esas cadeas de transmisión ocultas que non foron detectadas non sabemos durante canto tempo. A reconstrución desas cadeas pode levarnos a coñecer a orixe do gromo, seguramente relacionado con exposición en África por contacto con casos ou con roedores infectados.

Como cre que pode evolucionar esta varíola do mono?

Cabe esperar que durante un tempo aínda sigan aparecendo casos, pero de non tratarse dunha nova enfermidade, resultado da modificación da varíola do mono, chegará un momento no que comezarán a descender os casos e desaparecerá a enfermidade do noso medio, salvo que se infecten reservorios locais (roedores silvestres) e se faga endémica en Europa.

"Na primeira semana transmítese por gotas e aerosois, e máis tarde por contacto co líquido das vesículas e con roupas da capa ou persoal contaminada. Non hai transmisión sexual"

De que xeitos se transmite esta enfermidade entre persoas? Ata que punto é fácil ou difícil contaxiarse?

A transmisión prodúcese como na varíola, aínda que menos transmisible. Na primeira semana transmítese por gotas e aerosois, cando rompen as vesículas da orofarinxe - parte media da farinxe -, e máis tarde por contacto co líquido das vesículas e con elementos contaminados, como son a roupa de cama e os vestidos. Non hai transmisión sexual. A maior contaxiosidade vai desde o inicio da erupción ata 7-10 días despois, cando se forman as costras. Deixa de ser infeccioso cando todas as costras xa se desprenderon, o que acontece á terceira ou cuarta semana desde o comezo.

A ONU e o colectivo LGBT+ alerta da posible estigmatización derivada de vincular a enfermidade cunha orientación sexual. A varíola do mono non se trata dunha ETS, nin se transmite só entre homes, non?

Non hai que estigmatizar a ninguén. Non é unha enfermidade de transmisión sexual, pero é innegable que está afectando a este colectivo por prácticas nas que existe un importante contacto interpersoal.

Establécense tamén relacións coa varíola humana, mais como dis, a dos monos é dunha enfermidade moito menos virulenta. Que diferenza unha da outra?

Son enfermidades moi parecidas, se ben a varíola do mono é menos grave e ten unha  transmisión e unha letalidade menor. A varíola, lembremos, tiña unha letalidade do 30%. Ambas producen un cadro exantemático, pero na varíola do mono hai infartos ganglionares que non se vían na varíola humana. 

"Ante un caso sospeitoso, cómpre aplicar medidas de illamento respiratorio, sobre todo ao principio, e illamento de contacto ata que sequen todas as costras"

Que medidas de illamento debemos aplicar perante un caso sospeitoso?

Medidas de illamento respiratorio (uso de FFP2), sobre todo ao principio da enfermidade (na primeira semana), e de illamento de contacto ata que sequen todas as costras. Hai que prestar tamén atención aos fómites como a roupa de cama e a persoal, que debe tratarse nun

programa normal de lavadora. Debe facerse frecuente hixiene de mans, e illamento domiciliario se non precisa atención no hospital.

Como atallala? Hai tratamentos ou vacinas específicas contra esta enfermidade? 

A vacina da varíola protexe nun 85% fronte á varíola do mono. Hoxe disponse dunha vacina danesa (IMVANEX) aprobada pola Axencia Europea do Medicamento en 2013, que pode utilizarse nos contactos, e é efectiva se se administra precozmente, nos primeiros catro días desde o contacto. De estenderse a infección, podería empregarse no círculo entorno aos casos, aínda que penso que non chegará a ser preciso. Tamén se dispón dun medicamento, o Tecovirimat, un inhibidor da DNA-polimerasa, desenvolvido para o tratamento da retinite por

citomegalovirus.

"É moi importante reforzar a vixilancia epidemiolóxica e unificar a vixilancia de enfermidades en humanos e en animais"

Igual que a COVID-19, a alerta da varíola do mono é un novo aviso da necesidade de

reforzar a vixilancia epidemiolóxica nun mundo máis globalizado?

Si. As enfermidades infecciosas non son algo do pasado. Están moi presentes e supoñen unha ameaza importante cara ao futuro. É moi importante reforzar a vixilancia epidemiolóxica con eses programas de 'Unha Única Saúde' que unifiquen a vixilancia de enfermidades en humanos e en animais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta