A loita das traballadoras do consorcio: "Temos unha experiencia tremenda e imos quedar na rúa"

As prazas que ocupa este persoal temporal --algún desde hai máis de 10 anos-- acaban de saír nunha oferta de emprego, que implica que se consolidarán as prazas "pero non as persoas" que as ocupan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

Traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que levan "anos en fraude de lei como temporais", protagonizaron este xoves en Santiago unha protesta para esixir que a consolidación das prazas que ocupan a través dunha oferta de emprego non signifique despedimentos.

"Temos unha experiencia profesional tremenda e imos a ir á rúa", explicou, en declaracións a Europa Press, Elia Ladra, de CNT e afectada por esta situación, que incidiu en que a perda deste "capital humano" terá consecuencias na asistencia aos usuarios. Tal e como apuntou, as prazas que ocupan estas traballadoras temporais --algunhas desde hai máis de 10 anos-- acaban de saír nunha oferta de emprego, que implica que se consolidarán as prazas "pero non as persoas" que as ocupan.

Iso será así porque, "aínda que se convoquen" e elas se presenten, "van ser ocupadas en primeira instancia por persoal fixo da Xunta", procedente doutros servizos, que ten prioridade á hora de solicitar un concurso de traslados. "Nós colleremos as prazas que sobren e, as que non, iremos á rúa", dixo Ladra, "moitas de nós quedaremos na rúa e as que non iremos traballar onde nos toque". 

As afectadas son en máis do 90 por cento mulleres e dunha idade media "de 45 anos para arriba", o que implica que están "nunha idade moi complicada para buscar traballo". Teñen na súa maioría máis de 10 anos de experiencia no seu posto, o que tamén repercutirá, consideran, na calidade do servizo, coa incorporación de xente sen experiencia.

Para protestar contra esta situación, as traballadoras, convocadas por CNT (que chamou tamén a unha xornada de folga), protestaron cunha cacerolada ante as portas do Consorcio en Santiago e, posteriormente, realizaron unha caravana de coches ata o edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Protesta de traballadoras do Consorcio este xoves en Santiago.
Protesta de traballadoras do Consorcio este xoves en Santiago. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta