Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 13:28
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, avanzou este luns que o reforzo da Policía Autonómica de Galicia "está preto". "Hai vontade de cooperación e de colaboración. Estamos preto de asinar un convenio sobre a policía adscrita e realizar un concurso específico", concretou.
En declaracións aos medios despois de participar na inauguración da reunión de Ameripol --a Europol americana--, en Santiago de Compostela, o ministro lembrou que, se son capaces de facer ese convenio é porque nos últimos catro anos recuperaron "450 efectivos dos 500 que se perderon durante os gobernos do PP en España durante sete anos".
"Se seguise gobernando o PP nos últimos catro anos, desde logo teriamos menos axentes e menos efectivos e sería imposible abordar a actualización dos efectivos da unidade adscrita", manifestou.
Cuestionado sobre se co novo convenio se alcanzaría o 90% do persoal --agora mesmo, segundo a Xunta, atópase no 73%--, Marlaska limitouse a responder que chegarán "ao que sexa necesario". Así, volveu a insistir en que o Goberno de Pedro Sánchez "recuperou 450 dos 500 policías que se perderon".
Ademais, quixo pór en valor que o Executivo central realiza "un plan de investimento" en infraestruturas en Galicia "absolutamente digno", algo que, na súa opinión, "non se fixo durante sete anos de gobernos do PP".
XUNTA
A Xunta, pola súa banda, volveu reclamar ao Ministerio do Interior que aumente o número de efectivos da Unidade Policía Adscrita a Galicia (UPA) e insistiu en demandar que complete "os 500 efectivos de Policía Autonómica" aprobados no catálogo. Nunha visita á sede da Policía Autonómica na Coruña, o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, sinalou que dos 500 postos do catalogo aprobado polo Ministerio e a Xunta, na actualidade hai cubertos 366.
Ademais, criticou que o Goberno central "cambiou nos últimos tempos" a súa posición e agora "condiciona o reforzo do persoal a un importante desembolso económico por parte da Xunta" e que, engadiu, "nunca" se pediu nin a Galicia "nin ás outras comunidades con policía adscrita, como é o caso de Andalucía e Valencia".
Nesta mesma liña, Trenor subliñou que a cobertura destas prazas é unha reclamación "insistente e constante" do Goberno galego porque permitirían "exercer plenamente e coa necesaria dotación" as competencias que a Unidade ten asumidas en materias como medio ambiente, incendios forestais, menores, violencia de xénero, patrimonio histórico e cultural, xogo, marisqueo ilegal ou urbanismo, entre outras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.