Arrincan os polígonos agroforestais de Cualedro e de Oímbra para evitar o abandono de terras no rural

O obxectivo prioritario de ambos os polígonos será pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que alcanzaron co paso do tempo estados de abandono.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2022 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, inicia a exposición pública do parcelario do proxecto básico dos polígonos agroforestais de Cualedro e de Oímbra.

Segundo informou o departamento que dirixe José González, o proxecto básico é un documento técnico que elabora dita axencia despois de producirse a declaración de utilidade pública dun polígono agroforestal. Neste sentido, a revisión do parcelario é a primeira das actuacións do proxecto básico e consiste na comprobación sobre o terreo da precisión das parcelas existentes mediante a revisión das extremas das leiras.

Desta forma, unha vez elaborado o plano parcelario de cada un dos polígonos, sométese a exposición pública durante 20 días na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e no taboleiro de anuncios de cada concello no que se localice o polígono agroforestal. Os interesados poden consultar este documento na páxina da Agader ou ben achegándose ao seu respectivo concello.

POLÍGONOS AGROFORESTAIS

A Xunta lembrou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a finais do pasado ano os dous acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que iniciaban os procedementos de aprobación para o desenvolvemento dos dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública nos concellos ourensáns de Oímbra e Cualedro, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

O obxectivo prioritario de ambos os polígonos será pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que alcanzaron co paso do tempo estados de abandono, recuperando deste xeito unha adecuada actividade de explotación agrícola ou forestal.

En concreto, o polígono agroforestal de Cualedro constará de 64 hectáreas -cunhas 70 parcelas de 70 propietarios- que se dedicará esencialmente á gandaría en extensivo. Pola súa banda, o de Oímbra contará cunha superficie de case 22 hectáreas --cunhas 70 parcelas de 73 propietarios-- para uso de produtos de horta, incluíndo os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra.

Vista dos puntos de lume dun incendio na parroquia de Montes, en Cualedro, a 14 de setembro de 2020
Vista dos puntos de lume dun incendio na parroquia de Montes, en Cualedro, a 14 de setembro de 2020 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta