Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2022 | Actualizada ás 20:12
Case 120 adegas galegas e outras empresas comercializadoras de viños e augardentes participan na feira internacional London Wine Fair 2022. En concreto, contan con representación 19 adegas da denominación de orixe Monterrei, 30 do Ribeiro, 16 de Ribeira Sacra, 19 de Valdeorras e 28 de Rías Baixas, así como seis elaboradores de augardentes e licores, con 19 referencias.
Este martes visitou a feira o conselleiro do Medio Rural, José González, que destacou que a Xunta destinou este ano un total de 2,1 millóns de euros a apoiar o funcionamento dos diferentes consellos reguladores dos viños e augardentes galegos, así como para financiar o seu labor de control da calidade e de promoción nos diferentes mercados.
Ademais, segundo trasladou a Consellería nun comunicado, González remarcou a "extraordinaria calidade e prestixio da produción agroalimentaria galega en xeral e dos viños e augardentes en particular".
Por outra banda, expresou que "o impulso á exportación" é unha das liñas básicas da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, elaborada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Veiga, as universidades galegas e os axentes do propio sector.
Así mesmo, a Consellería explicou que os produtos vitivinícolas galegos están representados neste evento de Londres "ao amparo dunha acción de promoción coordinada polo Instituto Galego de PromociónEconómica (Igape), da Vicepresidencia primeira e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, en colaboración co sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.