O galego está á cola das linguas do Estado na tecnoloxía, segundo un proxecto europeo

A investigación, na que participa a UVigo, suxire crear unha oficina pública que centralice todos os recursos en idioma galego

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O galego está á cola das linguas oficiais do Estado español en canto a recursos e aplicacións tecnolóxicas, segundo o proxecto European Language Equality (ELE), financiado pola Unión Europea e coa participación de 52 entidades, entre ela a Universidade de Vigo (UVigo).

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación 'atlanTTic', da UVigo, foi o encargado de analizar a situación do idioma propio de Galicia en canto a recursos, servizos e comunidades de falantes.

En concreto, o obxectivo do proxecto ELE é analizar a adaptación tecnolóxica das linguas de Europa coa finalidade de que exista plena igualdade para 2030. "Agora, hai que facer unha folla de ruta para cambiar esta situación. Hai moita marxe na que traballar", subliñou a coordinadora de 'atlanTTic', Carmen García Mateo.

Como conclusión xeral, segundo o informe presentado por este centro da UVigo, "hai poucas aplicacións de sínteses e de recoñecemento de voz, corrección ortográfica e gramatical e tradución automáticas". Por tanto, hai "un baleiro importante" en canto a recursos multimedia adecuados para desenvolver aplicacións "tan importantes no mundo actual como os axentes conversacionais por voz de última xeración".

En comparación con outras linguas oficiais, a diferenza "é crítica" en canto a recursos e servizos relacionados con datos multimedia e no ámbito da saúde, posto que os xa existentes "son pobres en diversidade e pequenos en tamaño", engade o estudo. O "maior perigo" a curto prazo desta situación é que, se non se reverte, o galego quede fóra da revolución que o 'big data' e a intelixencia artificial está a provocar en moitos sectores estratéxicos por falta de recursos para aplicalas.

No lado oposto están as bases de texto de gran dimensión, onde o galego ten "boa presenza" cuns servizos nunha "fase máis madura". O informe tamén apunta, como aspecto positivo, á páxina web da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) pola produción de contidos multimedia. Do mesmo xeito, tamén hai un número crecente de diarios locais dixitais no idioma propio.

'SOFTWARE' E REDES SOCIAIS

En canto ao 'software' e as redes sociais, aínda que algunhas firmas como Facebook, Youtube, Microsoft e Apple ofrecen versións en galego, moitas outras como TikTok, Twitch e Adobe utilízano en versión 'beta' ou, como Twitter, con menor apoio.

Neste contexto, hai unha "falta extrema de apoio" ao idioma propio en asistentes virtuais como Alexa, Siri, Google Assistant e Cortana. Nos últimos anos, desenvolvéronse varios produtos e servizos para a incorporación do galego nas TIC como o portal da Real Academia Galega (RAG), o tradutor 'Gaio' e a web da Xunta.

Con todo, o estudo observa unha tendencia das grandes empresas do sector consistente en "reducir os seus esforzos" en desenvolver tecnoloxías específicas para linguas minorizadas, así como a falta de interese por estes idiomas en estratexias como a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial 2020.

"EXPERIMENTADA COMUNIDADE INVESTIGADORA" EN GALICIA

Nesta marxe que hai para cambiar a situación, segundo explica a profesora García Mateo, xoga a favor da "existencia dunha experimentada comunidade investigadora en Galicia" en áreas como o recoñecemento automático da fala, a síntese de voz e o procesamento de linguaxe natural, así como en campos como a filoloxía e a lingüística.

Para iso, a alianza entre 'atlanTTic' e os docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo permite "desenvolver xa ferramentas e recursos lingüísticos" e foi "en gran medida" a "responsable nos últimos catro anos dun aumento considerable da produción de recursos e servizos de calidade para a lingua galega".

Dentro das propostas de mellora, o equipo investigador de 'atlanTTic' recomenda crear unha oficina pública que custodie de forma centralizada e estandarizada todos os recursos desenvolvidos para a lingua galega xa que, na actualidade, están diseminados en páxinas e en servidores distintos.

Tamén consideran necesario investir en crear bases de datos de recursos lingüísticos de calidade e gran tamaño que abarquen as distintas variantes e estilos da fala; en apoiar a produción científica e a transferencia tecnolóxica baseada na linguaxe; e que as persoas falantes consuman, produzan e esixan contidos en galego.

Unha moza emprega un teléfono móbil / Xunta de Galicia. / Europa Press
Unha moza emprega un teléfono móbil / Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta