O PP ve a Lores "abocado a presentarse" á Alcaldía de Pontevedra pola falta de "substitución xeracional" no BNG

Rafael Domínguez afirma que no Bloque existe unha "enorme decepción interna por quen", segundo indicou, "ía ser a substituta" de Lores, en referencia á concelleira Anabel Gulías.

Por E.P. | Pontevedra | 13/06/2022 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, Rafael Domínguez, sostivo que o alcalde da cidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, "vese abocado a presentarse unha vez máis" á Alcaldía porque "o BNG ten un problema de substitución xeracional". Así o manifestou este luns nunha rolda de prensa na que analizou os tres anos de goberno municipal e na que dixo que no Bloque existe unha "enorme decepción interna por quen", segundo indicou, "ía ser a súa substituta" en referencia á concelleira Anabel Gulías.

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, en rolda de prensa
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, en rolda de prensa | Fonte: PP de Pontevedra.

Rafael Domínguez asegurou que o Goberno local está "esgotado" e que ao alcalde "é máis doado velo en Estrasburgo que en Pontevedra". Ademais, criticou que só realiza "anuncios" que despois non se executan por "desidia" dos concelleiros e que provocan que a cidade se atope "paralizada" a pesar dos 240 millóns de euros de orzamentos sumados no últimos tres anos.

Tamén reprochou a BNG e PSOE que rexeiten as mocións que o Partido Popular presenta no plenos pero que despois, segundo asegura, o goberno municipal anuncia como proxectos propios. Respecto diso, citou como exemplos a reforma da Casa Consistorial, a mellora de cemiterios, a eliminación de colectores do centro histórico, ou o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS).

O portavoz popular lamentou a falta de noticias sobre proxectos como a reforma do barrio de Mollavao, o pavillón da Parda e denunciou que non se contemplan obras de relevancia para o rural onde, na súa opinión, "están a facer menos que nunca". Ademais, sinalou o "castigo" que, ao seu entender, o goberno local mantén co barrio de Monte Porreiro.

Tamén denunciou falta de persoal e de organización na área de benestar social, lentitude na tramitación das licenzas urbanísticas, cun "atraso crónico"; e afirmou que o Goberno local fai unha mala interpretación "intencionada ou por falta de coñecemento" da nova lei de Transición Ecolóxica.

No seu repaso á xestión do Goberno local, Rafael Domínguez, tamén falou das "dificultades que hai para aparcar", das "carencias" que observa tanto nas liñas de autobús como no transporte a demanda, da "aberración" do peche ao tráfico de Raíña Vitoria e da súa "preocupación" polo proxecto da planta de compostaxe ou polo futuro do convento de Santa Clara do que non sabe "que se vai a facer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lúa

Se esta é toda a argumentación que teñen contra o BNG, van aviados. Falan eses que manteñen no seu cargo a alcaldes desde o franquismo!!!;