Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/06/2022 | Actualizada ás 21:05
Os profesores Juan Casares Long e José A. González presentaron este martes 'Os Límites do Crecemento', a primeira tradución ao galego do Informe para o proxecto do Club Roma sobre os retos da humanidade.
En 1972, Donella H. Meadows, Dennis L. Meadows, Jorgen Randers e William W. Behrens III, integrantes do Instituto de Tecnoloxía de Massachussets, publicaban 'The limits to Growth', unha obra que sintetizaba o denominado Informe Meadows realizado a petición do Club de Roma para analizar os retos da humanidade de cara ao futuro. Cincuenta anos despois, chega a primeira tradución ao galego deste texto que se anticipou na necesidade de declarar a situación do planeta como de emerxencia.
A obra foi presentada nun acto celebrado en Santiago de Compostela, no que participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen aproveitou para destacar o compromiso do Goberno galego coa conservación do planeta para deixar unha "Galicia mellor para as próximas xeracións".
A este respecto, explicou que esa implicación da Administración galega con facer un mundo máis sustentable se reflicte na Estratexia galega de economía circular 2020-2030, a Lei de residuos e chans contaminados ou as medidas para loitar contra o cambio climático como a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, o Pacto das Alcaldías para o Clima, a Alianza Galega polo Clima ou a futura Lei de Clima de Galicia.
Neste sentido, Rueda reflexionou sobre a necesidade de adoptar medidas, entre todos, para non chegar ao colapso do que advirte o informe ante os sinais de emerxencia que o planeta lanza nos últimos anos, como o feito de que Galicia, "o país do mil ríos e tradicionalmente de choivas", rexistre episodios de prealerta de seca.
"Avisos temos suficientes, a responsabilidade das Administracións é tentar aplicarse nas políticas e facer pedagoxía", afirmou, mostrando a importancia de dar exemplo nas decisións que se toman para que os cidadáns se conciencien de que se trata dun labor colectivo.
Por último, agradeceu aos profesores Juan Casares Long e José A. González a tradución desta obra á que cualificou como un clásico da investigación científica que soubo adiantarse aos retos que ía ter por diante a humanidade. "Grazas por facer esta pequena aventura de traducir este libro ao galego", abundou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.