Arzúa organiza excursións para 'coñecer o noso país'

O Departamento de Cultura do concello recupera o programa de excursións 'Coñece o teu país' que volve despois de varios anos sen celebrarse por mor da pandemia. Ferrol, Sober, Bueu e Ribadavia serán os destinos do ciclo que se desenvolverá entre xuño e setembro.

Por Galicia Confidencial | Arzúa | 17/06/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A iniciativa regresa, despois do parón por mor da pandemia, con catro novas visitas a diferentes lugares da xeografía galega ao longo dos meses estivais de xuño a setembro.

Excursión a Camariñas no 2019. Foto: Prensa do Concello de Arzúa.
Excursión a Camariñas no 2019. Foto: Prensa do Concello de Arzúa.

A primeira delas será o vindeiro sábado día 25 de xuño e terá como destino a cidade de Ferrol na que se realizará unha visita a Exponav, o museo de construción naval máis importante de Europa. A xornada completarase coa visita guiada á zona monumental pola tarde.

A segunda excursión, será o 30 de xullo e levará á veciñanza do Concello de Arzúa a Sober, na provincia de Lugo, para visitar diferentes igrexas románicas deste municipio da Ribeira Sacra e a Casa Reitoral de Gundivós reconvertida en centro de interpretación da olería.

As dúas restantes saídas serán o sábado 27 de agosto, día no que se visitará Bueu --na provincia de Pontevedra--, e o sábado 24 de setembro día que se coñecerá a localidade ourensá de Ribadavia. 

Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deberán inscribirse, de balde, na Oficina de Cultura e Deportes, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.

Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á primeira viaxe organizada para o vindeiro 25 de xuño a Ferrol, poden facelo a partir deste venres, 17 de xuño, entre as 8:30 e as 14:00 horas.

A Oficina de Cultura e Deportes está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Padre Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta