Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2022 | Actualizada ás 18:06
A Xunta acordou ampliar ata o próximo 15 de xullo o período de extracción de semente de mexillón na costa das provincias da Coruña e Pontevedra.
A prórroga chega un día despois do final do período establecido para obter mexilla, cuxa extracción xerou desde hai anos un conflito entre o sector do mexillón e os perceberos.
Así, as xefaturas territoriais da Consellería do Mar na Coruña e Pontevedra dan luz verde á petición de tres asociacións de produtores de mexillón, que solicitaron a ampliación do período de recollida de semente para as súas bateas.
Segundo explica a Xunta nun comunicado, a autorización busca "facilitar o labor" do sector mexilloeiro "na recollida de mexilla para encordar nas súas bateas".
Deste xeito, a actividade estará permitida entre as 07,00 e as 20,00 horas, excepto sábados, domingos e festivos. Así, deberán respectarse as zonas de explotación exclusiva de percebe establecidas nos plans de xestión para recursos específicos e algas en Galicia do trienio 2022-2024.
A resolución tamén recolle a prohibición de extraer semente de mexillón no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.