Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/06/2022 | Actualizada ás 22:00
A contundente victoria de Juanma Moreno nas eleccións andaluzas deste pasado domingo 19 de xuño supón un antes e un despois da nova --ou vella-- política estatal. Non tanto pola contundencia da súa victoria--que tamén--, senón polo que supón de cara aos vindeiros comicios electorais do ano 23; as municipais primeiro, as xerais despois e, finalmente, as galegas, en 2024 se non son adiantados antes. E é que a histórica maioría absoluta do PP nesta autonomía supón o comezo dunha carreira electoral que terá os seus ecos en Galicia.
As eleccións andaluzas deixan varias mensaxes; o PP está forte tras a fonda crise que pasou hai uns meses, unha fortaleza que vai en aumento e ameaza bastións históricos do PSOE, pero tamén, pon freo á súa principal ameaza pola dereita, a de Vox. E é que a ultradereita comeza a estar pasada de moda, como xa pasaron de moda os supostos centristas de Ciudadanos, barridos xa do mapa político español.
Os líderes que din que viñan cambiar a política española demostraron ser peores que os que xa están e o seu discurso carca só convence a uns poucos descontentos que non atopan acomodo nin na dereita tradicional nin na ultra esquerda moderna, xa que non hai que esquecer que parte do voto de Vox en Andalucía pode vir do descalabro de Adelante Andalucía e Por Andalucía.
E todo o que ten de fortaleza o PP, teno o PSOE de febleza, especialmente, cunha crise mundial provocada, primeiro, pola pandemia e, agora, agravada, pola guerra de Ucrania, que incrementa un malestar social que beneficia claramente aos partidos da dereita e ultradereita. Unha crise que castiga, obviamente, aos partidos que gobernan en Madrid, PSOE e Unidas Podemos.
As eleccións andaluzas tamén son un gran toque de atención para Yolanda Díaz e o seu proxecto "Sumar", xa que máis que sumas, os comicios en Andalucía son unha labazada na cara de restas. As restas de non saber artellar un proxecto a tempo e as restas de non saber que canta máis dividida vaia a esquerda a uns comicios, máis duros serán os seus resultados.
E GALICIA?
"Xa está feito. Primeiro as andaluzas, logo as xerais e finalmente as autonómicas. Imos gañar en todas". A euforia instalouse entre os principais cargos do PPdeG logo da victoria de Juanma Moreno que ven un "efecto arrastre" en todo o que vai acontecer a nivel electoral o vindeiro ano. Un ano moi "quente" a nivel político que comezou xa este domingo.
Desde a marcha de Feijóo a Madrid instalouse nas filas populares galegas un optimismo moderado que, din, tivo o seu primeiro reflexo nos comicios andaluces. Uns comicios que son a antesala doutros cambios importantes en Galicia a nivel municipal. De feito, dirixentes como o presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, ou o vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, relacionaron este cambio coa chegada de Feijóo a Madrid.
"O efecto Feijóo é unha realidade" e os resultados obtidos en Andalucía "son extrapolables" a Galicia, dixo Baltar. Para Tellado, a cidadanía mira cara ao PP "en busca de solucións e respostas", cun modelo de Feijóo que busca "construír grandes maiorías que dean estabilidade".
No PP están convencidos de que as vindeiras municipais marcarán xa ese "cambio" de ciclo xa que contan con arrebatarlle ao PSdeG cidades coma Ferrol e recuperar a Deputación de Lugo, e mesmo a da Coruña. "As contas comezan a dar", sinala un dirixente consultado por GC que suliña que as victorias do PP en Madrid, Castela e León e, sobre todo, en Andalucía, supoñen ese "cambio de clico" que comezará nas municipais e rematará nas xerais coa victoria de Feijóo. "E se Feijóo é presidente, Rueda seguirá de presidente", indican.
De feito, o propio Alfonso Rueda, que esta fin de semana non descartaba un pacto con Vox en Galicia, cambiaba radicalmente de discurso para apuntar este luns que agora non ten sentido porque "iso non ocorreu en Andalucía". E é que no PPdeG cren que as andaluzas supuxeron o "inicio do fin" do efecto Vox.
BNG E PSdeG
Unha opinón moi diferente a que hai na oposición galega que insiste en que Andalucía non é Galicia e que aquí, as cousas son diferentes. Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou "un erro" facer lecturas xerais das eleccións andaluzas ao asegurar que "a cidadanía vota diferente en cada proceso". "Non se vota igual" nunhas xerais, que nunhas autonómicas ou unhas municipais. "É un erro pensar que hai unha translación directa a outros procesos electorais para os que aínda falta moito tempo para que se produzan", indicou.
Tamén a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, sostivo que cada territorio ten "as súas propias dinámicas" e "as súas propias formas de entender a política".
Por iso, considerou que trasladar o resultado das andaluzas a unha "dinámica nacional non é en absoluto correcto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.