Santiago recibe o solsticio de verán co Festival de San Xoán e pandeireta, baile e concertos

Tamén haberá rutas botánicas para buscar herbas de San Xoán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2022 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A noite de San Xoán, o vindeiro xoves, Santiago de Compostela volverá celebrar o seu Festival de San Xoán, con talleres de pandeireta, baile ou 'aturuxos', rutas botánicas para colleitar herbas ou concertos, nunha xornada na que a cidade volverá encherse das tradicionais 'cacharelas'.

A celebración, tras dous anos suspendida pola pandemia, concentrarase este ano na tarde-noite do día 23, cun programa "máis denso" que enlazará, o sábado 25, co Compostela Diversa da Praza de Mazarelos.

O Festival de San Xoan arrincará, en Mazarelos, ás 17,00 horas, cun taller de pandeireta e percusión tradicional e outro de danzas e xogos tradicionais galegos e portugueses. A continuación, ás 18,15 horas, haberá un taller de baile galego e outro de 'canto, aturuxos, percusión e chascarraschás'.

Desde as 19,20 ata as 21,00 horas, ou ata fin de existencias, cada 30 minutos celebrarase un taller de ramiños de herbas de San Xoán, unha das iniciativas máis demandadas.

O primeiro dos concertos en Mazarelos, ás 21,00 horas, será o de Xurxo Fernándes, que dará paso, ás 22,20 horas, ao esconxuro e degustación de queimada. Nesta ocasión prescindirase da parte gastronómica da festa para fomentar o consumo nos locais de hostalaría. Pasadas as 23,00 horas, será a quenda do concerto de CRNDS e Fransy, que pecharán a celebración.

Durante todas as actividades, e ata a medianoite, estará activo un 'espazo palleiro' para os máis pequenos e haberá tamén 'auga máxica de San Juan'.

PASEOS E TREN CACHARELO

Durante o xoves, ás 17,00 horas e ás 18,30 horas, haberá tamén dous paseos botánicos por espazos verdes para coñecer e recoller 'herbas de San Xoán'. A iniciativa será gratuíta previa inscrición.

Tamén o tren turístico da cidade vestirase para a ocasión como 'Tren Cacharelo' e, entre as 17,00 e as 22,00 horas, realizará un percorrido con paradas nos barrios onde se organizan algunhas das fogueiras máis populares da cidade.

Cacharela na noite se San Xoán
Cacharela na noite se San Xoán | Fonte: quepasanacosta.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta