Por Europa Press / Redacción | A Estrada | 21/06/2022 | Actualizada ás 16:19
A Rapa das Bestas 2022 será a edición "máis potente" tras dous anos de parón pola pandemia da covid-19. Así o expresou este martes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a presentación da festa internacional no Pazo Provincial de Pontevedra.
"A xente está desexando ir a Sabucedo e ten máis conciencia da importancia das festas que falan de recuperar a relación coa natureza, as comidas xuntos e a música", subliñou a titular da Deputación pontevedresa.
O evento celebrarase este ano desde o 30 de xuño ata o 4 de xullo, e conta coa colaboración da institución provincial, do consistorio da Estrada e da Asociación da Rapa das Bestas, da cal Silva resaltou o seu traballo de conservación desta tradición.
"Non existiría esta tradición milenaria que nos identifica, nin teriamos un rural con vida, sen o enorme esforzo que fan coa vontade de manter esta festa tan bonita que é nosa e de toda Europa", afirmou Silva.
A responsable provincial mostrouse "convencida" do éxito desta edición da Rapa, acontecemento declarado Festa de Interese Turístico Internacional, e apelou á poboación galega a apoiala. "Que vaian a Sabucedo, consuman, compren entradas, merchandising... estaremos a apoiar unha festa que o merece", animou.
A edición deste ano conta con máis de medio cento de medios de comunicación internacionais acreditados de países como Corea do Sur, Estados Unidos ou China. Ademais, estará presente o programa 'Volando voy', de Jesús Quella, para rodar durante a festa.
En representación da Asociación Rapa das Bestas, Manuel Cabada subliñou que os veciños de Sabucedo reafirman na festa "o compromiso coa tradición". "Herdámola dos nosos antepasados e temos a obriga de transmitila aos nosos fillos e netos", expresou Cabada.
Pola súa banda, o tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, animou "a todo o mundo" a "gozar dos cabalos, a comida e a natureza" desta tradición tan "singular". "É unha cita de asistencia obrigada, unha festividade singular e importantísima, e este ano dobremente porque volvemos con todo o noso esplendor", subliñou o edil.
A festa comezará o xoves 30 de xuño coa 'Gala de aloitadores', para continuar o venres 1 de xullo coa procura de 'bestas' polo monte da parroquia estradense en grupos ou familias que concluirá co festival RapaSons a partir das 22,30 para dar peche á xornada.
O sábado 2 de xullo baixaranse as 'bestas' á aldea e ás 19,00 horas celebrarase o primeiro curro para rapar e sanear as crines dos cabalos. O segundo curro terá lugar durante a mañá do domingo, ao que lle seguirá unha festa na aldea.
Por último, o terceiro celebrarase o luns á mesma hora e terá un carácter solidario. "Todo o que se ingrese vai destinado ao benestar dos animais", resaltou o representante da asociación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.