Pontevedra inaugura o seu Orgullo cunha reivindicación da 'Memoria LGBTIQA'

Estas son as actividades que terán lugar nos próximos días na cidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2022 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

Pontevedra vén de inaugurar o seu programa de actividades con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGBT+. Deseñado pola Concellería de Igualdade e a asocación Avante LGBT+, o programa botou a andar cunha intervención artística que, desde o balcón da Casa da Luz, convida a cidadanía a reivindicar a ‘Memoria LGBTIQA’. Trátase dunha bandeira LGBT na que, ademais das cores do arco da vella, teñen protagonismo as palabras Orgullo e Memoria, como un xeito de reflexionar sobre a historia da loita do colectivo e de lembrar que "non se pode dar nin un paso atrás, xa que ningunha conquista é irreversible".

Presentación do programa LGBT en Pontevedra
Presentación do programa LGBT en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

Deste xeito, o Orgullo pontevedrés procura rememorar, tamén a través da distribución de carteles e flyers, certos fitos históricos que marcaron o difícil camiño a prol da diversidade e a igualdade, entre eles, o 1901, coa primeira voda entre dúas mulleres co casamento de Elisa e Marcela na Coruña; o 1969, co inicio da loita organizada polos dereitos LGBT e revolta de Stonewall en Nova York; o 1977, co primeiro colectivo LGBT organizado en Galicia, a Fronte Galega de Liberación Homosexual; o 1990, coa eliminación da homosexualidade da lista de Enfermidades Mentais por parte da OMS; o 1999, co primeiro debate sobre a realidade trans no Parlamento Galego; o 2005, coa aprobación do matrimonio igualitario no Estado; ou o 2015, coa primeira persoa menor de idade que acada o cambio rexistral de identidade en Galicia.

A concelleira de Igualdade, a socialista Yoya Blanco, incidiu en que "a conquista de dereitos non é irreversible e hai que seguir loitando polos dereitos acadados día a día". Hadrián Pernas, de Avante LGBT+, afirmou, pola súa banda, que o ‘leit motiv’ deste ano é "reivindicar a memoria de todo o colectivo, de todas esas persoas que durante os anos do Franquismo e a posteriori tiveron que enfrontarse a un estigma e estiveron perseguidas e penadas polos propios gobernos". "A festa é importante -matizou Pernas-, pero non podemos abandonar as nosas reivindicacións e lembrarnos do asasinato de Samuel, as constantes agresións a persoas trans e as políticas en contra do colectivo LGBT". 

ACTOS

Entre os actos festivos, culturais e conmemorativos deste Orgullo 2022, coordinado a través do programa municipal Pinto e Maragota, incluiranse unha variada oferta de faladoiros e contacontos, a Mostra Internacional de Cinema ‘Ambienta’ e, o sábado 2 de xullo, unha Festa do Orgullo no parque do río dos Gafos, ademais dunha manifestación que saíra da praza do Hospital Provincial.

 

A programación cultural do Orgullo Pontevedra 2022, a cargo da asociación Avante LGBT+, desenvolverase entre os días 27 de xuño e 1 xullo. Ademais dos pases incluídos dentro da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra ‘Ambienta’, tamén se poderá gozar do taller Contos de Cores, unha actividade infantil (de 4 a 10 anos) que se realizará o luns 27 ás 19:00 horas na Librería Seijas, con Alba Blanco; e un Club de Lectura Avante LGBT+ que terá lugar o martes 28 ás 18:30 horas na Librería Paz, onde tamén se presentará o libro ‘A defunción dos sexos: Disidentes sexuais na Galiza contemporánea', coa participación da súa autora, Daniela Ferrández.

 

Haberá, así mesmo, un encontro coa actriz, política socialista e activista trans Carla Antonelli o mércores 29 ás 20:00 horas na Praza da Pedreira; un Contacontos Diverso a cargo de Mun Mintaka no Bar La Hormiga (Campiño de Santa María) o xoves 30 ás 18:00 horas; unha palestra arredor da realidade trans no Banco Trans dos Xardíns de Vincenti (parque das Palmeiras) con Brais Papiri, Alicia Arruti e Nee Barros (o xoves 30 ás 20:00 horas), e un faladoiro titulado ‘Saúde sexual. Desmontando mitos’, con Hadrián Pernas, o venres 1 de xullo ás 20:00 horas no Gastroespazo do Mercado de Abastos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta