Por Galicia Confidencial | Arteixo | 05/08/2014 | Actualizada ás 11:57
Segundo a TVG trátase dunha "produción de envergadura, que levará os espectadores da TVG por algúns dos lugares forestais máis fermosos de Galicia". “Serramoura”, unha vila de ficción, estará localizada principalmente no concello coruñés de Arteixo, e máis concretamente na localidade da Pastoriza, ademais de contar con exteriores fixos de Culleredo e Carballo.
Producida por Voz Audiovisual -filial do grupo Voz responsábel doutras series como Matalobos- para a TVG, “Serramoura” conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior. Unha localidade que vive da explotación dos seus recursos madeireiros e onde dúas familias, os Soutelo e os Fiuza, loitan polo control do negocio da madeira. Un escenario recoñecible que se ve bruscamente alterado ao aparecer morta, brutalmente asasinada, unha das súas veciñas.
Para resolver o caso, a Comandancia da Garda Civil desprazará á vila a Diego Bazán, sarxento especializado en homicidios, que se unirá á sarxento Marga Pazos, membro da Unidade de Investigación de Serramoura. Dous mundos e dúas personalidades totalmente distintas, obrigadas a entenderse.
Nos papeis principais, “Serramoura” contará cos actores Lucía Regueiro (Marga Pazos) e Miguel Ángel Blanco (Diego Bazán), cuxos personaxes levarán o peso da investigación. Xunto a eles, completan o eleco Antonio Mourelos, Alfonso Agra, Miguel Borines, Isabel Naveira, Xavier Deive, Uxía Branco, Sabela Arán, Sheyla Fariña, Miguel Canalejo, Chechu Salgado, Mariana Expósito, Fran Paredes, Perico Asorey e Xosé Barato.
A TVG di que para a recreación dos negocios dos protagonistas, a serie conta coa colaboración de entidades como a Consellería do Medio Rural e a Confederación Española de Empresarios da Madeira (Confemadera) de Galicia, e de empresas que, asociadas a esta última, tamén colaboran de maneira particular na ficción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.