Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2022 | Actualizada ás 18:34
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, presentou unha pregunta --a través da coalición da que forma parte-- dirixida á Comisión Europea na que pide información sobre os pasos dados polas institucións comunitarias para cumprir a resolución aprobada na Eurocámara para evitar outra vertedura como o que alagou as costas galegas no outono de 2002.
Esta pregunta rexistrouse no ano en que se cumpren 20 da catástrofe do 'Prestige'. "Vinte anos despois de que unha marea negra alagase as costas galegas e de que o PP falase de 'fíos de plastilina', temos que preguntar se xa se tomaron as decisións imprescindibles para que este desastre non se volva a producir", expón Miranda.
A representante nacionalista lembra unha resolución da Eurocámara promovida polo eurodeputado Camilo Nogueira, na que lle pedía aos estados membros que garantisen "unha aplicación rápida e adecuada" dos paquetes Erika de lexislación sobre seguridade marítima, que precisamente leva este nome polo afundimento do petroleiro Erika en decembro de 1999 a 40 millas da costa bretoa francesa.
O documento aprobado daquela consideraba que a Unión Europea "debería revisar o réxime de responsabilidade de todos os responsables do sector marítimo en caso de accidente", en particular, no que se refire á súa responsabilidade económica, co obxectivo de conseguir unha indemnización total.
Segundo a portavoz do Bloque en Europa, a decisión do Tribunal de Xustiza da UE pode "significar unha lombeirada á reclamación de 855 millóns realizada polo Estado español á aseguradora do Prestige'". "Esa indemnización debería repercutir directamente nas zonas máis afectadas polas verteduras para revitalizar a economía e axudar a asentar a poboación", subliñou Miranda, para quen resulta "imperdoable" que o "PP rebaixase os obxectivos iniciais da investigación impulsada na Eurocámara" sobre o Prestige, ao "rexeitar analizar as causas do suceso".
No marco deste vixésimo aniversario, o BNG organizará na Eurocámara unha xornada de traballo para analizar a situación actual da seguridade marítima que terá lugar no mes de novembro. "Como nación con 1.500 quilómetros de costa e altamente dependente da pesca, temos que saber que medidas se tomaron nestes 20 anos para non ter outra marea negra nunca máis", manifestou Ana Miranda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.