Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 18:00
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou o liderado das empresas galegas no ámbito das enerxías renovables, á vez que apuntou a "importancia de moitos dos proxectos aquí expostos" e que "en ocasións non se ten conciencia da importancia das iniciativas que aquí se crean".
Ditas manifestacións realizounas o representante do Executivo central nunha visita que realizou na mañá deste xoves ao complexo industrial de Forestal do Atlántico, situado en Mugardos. "A transición enerxética é o único camiño posible cara ao futuro da industria e do emprego de calidade en Galicia", detallou Miñones, que coñeceu o proxecto 'Triskelion', consistente na fabricación de metanol verde nesta planta situada en Punta Promontorio e que forma parte da súa aposta pola descarbonización.
"Non se pode estar pola mañá falando da necesidade de actuar contra o cambio climático e pola tarde dificultando a tramitación de instalacións renovables", afirmou o delegado do Goberno, en alusión á Xunta.
PERTE DE RENOVABLES
José Miñones tamén aproveitou esta visita para referirse ao Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de Enerxías Renovables, cun "investimento público-privado histórico de 16.000 millóns de euros que estamos a destinar a apontoar a transición enerxética no marco do Plan de Recuperación".
En canto ao proxecto 'Triskelion', Miñones detallou que "se trata dun proxecto único no mundo que coincide plenamente coa transformación que impulsa o Goberno". Por iso, comprometeuse a "trasladar de maneira persoal e en primeira persoa" ao Ministerio para a Transición Ecolóxica o apoio da Delegación do Goberno en Galicia á candidatura de Forestal do Atlántico aos fondos Next Generation EU.
"O proxecto é viable, maduro, ten coñecemento e experiencia e ademais está situado nunha zona como Ferrolterra que debe ser protagonista da transición enerxética", incidiu. A proposta pasa por producir metanol verde de calidade internacional que poida venderse directamente como materia prima para a fabricación de biocombustibles, como combustible en si mesmo ou como materia prima para o sector químico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.