Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2022 | Actualizada ás 18:46
O Grupo Socialista rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para urxir á Xunta que adopte un plan de choque para frear a "sangría demográfica" que se produce en Galicia "ano tras ano", tal e como o puxo de manifesto esta semana o Instituto Nacional de Estatística (INE).
En concreto, os datos ofrecidos por este organismo mostran que a Comunidade diminuíu a súa poboación en 5.319 persoas en 2021 debido a un saldo vexetativo de -18.057 habitantes (con máis mortes que nacementos). A nota positiva ofrécea o saldo migratorio: 9.116 persoas chegaron desde o estranxeiro e outras 3.747 desde outras partes de España.
Neste contexto, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo puxo o foco en que os 2.691.557 habitantes que hai hoxe son "100.000 galegos e galegas menos que en 2009", cando o PP volveu ao Executivo galego e se inaugurou unha etapa na que os desequilibrios territoriais "non fixeron máis que aumentar".
A maiores, advirte que as proxeccións do INE indican que, se todo sigue igual, en menos de 14 anos Galicia perderá "case 165.000 habitantes máis, que é tanto como perder o 54 por cento da poboación actual de Ourense".
O "DEIXAMENTO" DA XUNTA
Estas circunstancias levan aos socialistas a presentar na Cámara varias iniciativas para denunciar o "deixamento" da Xunta, xa que está "carente de ideas minimamente eficaces" de fomento da conciliación e de incentivos á natalidade.
Por iso, Rodríguez Rumbo reclamou que poña medidas encima da mesa para frear esta "sangría", empezando por cumprir as medidas previstas na lei de impulso demográfico de Galicia, aprobada o ano pasado, xa que a Xunta mostrouse "perezosa ata para pór en marcha as súas propias normas".
Así, acusou aos populares de converter en "papel mollado" tanto as leis que eles mesmos impulsan como os "titulares que venden periodicamente nos que din priorizar as medidas para a mellora do mercado laboral de mozos, as axudas á vivenda e a posta en marcha de medidas de conciliación".
En paralelo, a deputada socialista reclama un documento no que a Xunta contraste as iniciativas anunciadas nos últimos 13 anos co seu cumprimento, así como unha liña de colaboración financeira entre a Administración galega e os concellos para que os municipios máis pequenos poidan desenvolver competencias en materia demográfica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.