"O Orgullo ten que ser rúa, revolta e pluma": a loita LGBT+ contra a "normalización" do odio

Falamos con Xandre Garrido, de Avante LGBT+; con Ana G. Fernández, presidenta de Alas Coruña; e con Hayden Dopico, presidentie de AmiZando, para debullar os principais obstáculos e demandas do colectivo hoxe en día.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Orgullo LGBT+ está de volta e, coma cada ano, na memoria resoan aquelas revoltas contra a represión policial que tiveron lugar no pub Stonewall, en Nova York, un 28 de xuño de 1969 en que a comunidade LGBT+ tomou por primeira vez as rúas contra un sistema que a perseguía e violentaba. Hoxe, 53 anos despois, aínda que no marco dunha sociedade máis aberta e tolerante que deu pasos importantes cara á igualdade, segue habendo motivos polos que saír protestar e facerse visibles no espazo público. 

Unha manifestación polos dereitos LGBT+ en Santiago de Compostela
Unha manifestación polos dereitos LGBT+ en Santiago de Compostela | Fonte: Avante LGBT

Así, para este martes están convocadas mobilizacións en Lugo (Horta do Seminario ás 20:00 h), Ourense (Praza Bispo Cesáreo ás 20:00 h), A Coruña (Praza de Ourense ás 19:30 h) e Compostela (Praza 8 de Marzo ás 20:00 h), mentres que Pontevedra e Vigo se manifestarán o próximo dous de xullo, e Ferrol e Baiona xa o fixeron nestes días pasados. Tras dous anos de restricións por mor da pandemia, este Orgullo celébrase e reivindícase de novo a pleno rendemento e de forma especialmente sentida, xusto cando vai facer un ano do asasinato homófobo a Samuel Luiz na cidade da Coruña.

"É importante saír á rúa porque estamos vendo un retroceso tremendo de xeito global nos dereitos LGBT, a nivel legal e de discursos de odio", di Xandre Garrido.

BAIXO A PUNTA DO ICEBERG

"É importante saír á rúa porque estamos vendo un retroceso tremendo de xeito global nos dereitos LGBT, a nivel legal e de discursos de odio", explica Xandre Garrido, responsable de organización de Avante LGBT+, que alerta de que en Galicia as agresións contra persoas LGBT son "cada ano máis e de maior gravidade" nos últimos tempos. Neste sentido, o asasinato de Samuel, ou as 13 agresións que lle seguiron nas semanas posteriores, retratan a punta do iceberg dunha LGBTfobia que impregna moitos espazos da vida cotiá.

Concentración de condena tras o asasinato de Samuel Luiz na Coruña
Concentración de condena tras o asasinato de Samuel Luiz na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo.

"A repercusión deste crime colocou no foco a discriminación que seguimos soportando nos entornos de traballo, nos centros educativos, na sanidade, na familia, na rúa...", sinala Ana G. Fernández, presidenta da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (Alas A Coruña), que denuncia tamén que moitas persoas LGBT se atopan desamparadas pola sanidade pública ante un maior risco de padecer problemas de saúde mental. "Non pode ser que só acceda a terapia quen ten privilexios económicos. Moitas precisamos desta axuda porque é difícil sobrevivir nun entorno hostil", explica. 

No caso das persoas trans e de xénero non binario, "a mera existencia supón unha saída do armario constante en moitos ámbitos como o sanitario", expón Hayden Dopico.

No caso das persoas trans e de xénero non binario, "a mera existencia supón unha saída do armario constante en moitos ámbitos como o sanitario", explica Hayden Dopico, presidentie de AmiZando, o que require un "nivel de enerxía importante" ao sentírense obrigades a facer "constante pedagoxía". Dopico tamén destaca o ámbito laboral e o xurídico-policial como outros dos espazos onde as persoas trans sofren unha maior discriminación. "No caso do rexistro civil atopámonos con persoal altamente hostil que fan dun proceso vital un verdadeiro inferno", remarca. 

Para elu, é a violencia "indirecta" e institucionalizada a que dá lugar á "marxinación e exclusión" das persoas disidentes de xénero, mediante leis e políticas entre as que cita, por exemplo, a regulación da prostitución, "cunha alta carga punitiva e que derivará nunha precarización e aumento da perigosidade para quen exerce o traballo sexual", ou as restriccións a deportistas trans en competicións. Fronte a discursos hostís, Dopico pide non desatender a necesidade de seguir reclamando dereitos e chama a "non permitir que dende gobernos e corporacións instrumentalicen a loita para sacar proveito". 

NORMALIZACIÓN DOS DISCURSOS DE ODIO

"Os discusos do odio estanse defendendo desde postos de poder e medios de comunicación que os branquean", sinala Ana G. Fernández.

Dende as tres asociacións coinciden en sinalar un incremento da LGBTfobia derivado de discursos reaccionarios que "normalizan" o odio cara as persoas non cisheteronormativas.  "Os discusos do odio estanse defendendo desde postos de poder e medios de comunicación que os branquean", sentenza Ana G. Fernández. "Que nas institucións se fale dun adoutrinamento en ideoloxía de xénero ou de que as persoas trans son un perigo para as crianzas lexitima a toda a xente LGBTfóbica a que o diga no día a día", explica nesa mesma liña Xandre Garrido, que alerta dunha crecente polarización social.

Nela converxen, prosegue, varios fenómenos. Por unha banda, "a maior visibilidade e representación por personaxes públicas e no audiovisual do colectivo LGBT", máis potente na rúa, nas redes e mesmo nas administracións. Pola outra, e precisamente como reacción a estes avances, o aumento da "carraxe" por parte dun sector da poboación que, amparado polos discursos da extrema dereita, sabe que perde unha batalla cultural, social e simbólica ante a igualdade e a diversidade. "Non é tanto que a sociedade sexa máis LGBTfóbica, senón que esas persoas que si o son, sono de xeito moito máis virulento", resume Xandre Garrido. 

AS DEMANDAS MÁIS URXENTES

Ante esta realidade, o activismo LGBT saca á rúa unha serie de demandas que dean resposta ás diferentes problemáticas desde un enfoque interseccional, dado que as violencias, lonxe de ser estancas, entrecrúzanse na realidade de cada persoa. Dende AmiZando reclaman o recoñecemento legal das identidades non binarias, "para que se poida ter documentación acorde e se comecen a facer accións e políticas na procura dunha equidade real".

Tamén demandan equiparar os dereitos das persoas migradas en situación irregular cos da poboación nacionalizada; e poñer o foco nas persoas psiquiatrizadas ou con diversidade funcional cognitiva, nas crianzas trans, "suxeitas a titorización ou paternalización", e na terceira idade LGBT, "esquecida, sen acceso a recursos que garantan os seus coidados, ou accedendo a eles se pagan o prezo de voltar ao armario", explica Hayden Dopico, que urxe así mesmo a aplicación da Lei trans estatal, que enfilou este mesmo luns o seu camiño cara ao Congreso tras 18 meses de difícil tránsito. 

Implementar dunha maneira "real e efectiva" a Lei LGBT galega, de 2014, é outra das reivindicacións máis repetidas por parte das asociacións, así como formar o persoal público para atender as necesidades do colectivo e ofrecer bolsas de emprego para persoas LGBT, en especial persoas trans, en risco de exclusión social. Avante LGBT+ tamén esixe protección para as persoas do colectivo que están no cárcere. "Sabemos que hai mulleres trans en prisións como Teixeiro onde sofren agresións e violacións", sentenza Garrido.

"A LGBTfobia é unha forma de limitar o desenvolvemento de todo o mundo. Mediante ela tamén lle estás dicindo á xente cishetero cal é a forma correcta de ser home e muller", di Xandre Garrido.

Dende Avante LGBT+ sinalan igualmente a necesidade de traballar nas aulas a educación en diversidade afectivo sexual. "Porque a LGBTfobia é unha forma de limitar o desenvolvemento de todo o mundo. Mediante ela tamén lle estás dicindo á xente cishetero cal é a forma correcta de ser home e muller a través de valores machistas e patriarcais", explica Xandre Garrido, que igualmente aposta pola construción dunha xenealoxía e memoria LGBT+ que permita avanzar nos discursos e chegar a maiores conquistas. 

"Estamos convencidas de que a nosa sociedade é aberta e tolerante, e que as agresións non definen A Coruña nin Galicia. O noso colectivo avanzou moitísimo a base de rúa, pluma e reivindicación. Ese é o noso legado: unha revolta violenta en Stonewall, e iso é o que temos que protexer. O Orgullo ten que ser revolta, rúa e pluma; e logo tamén o podemos pasar ben!", remata Ana G. Fernández dende Alas Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta