Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2022 | Actualizada ás 12:17
O Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia lembra, neste 27 de xuño, Día das Lentes de Sol, a importancia do coidado dos ollos no período estival. Segundo explican nunha nota, o sistema visual está continuamente exposto á radiación solar, que pode ser de dous tipos: ultravioleta (UV), que produce danos tras un período de exposición, e infravermella (IR), que pode ocasionar lesións térmicas instantáneas.
Para protexerse adecuadamente da radiación solar, desde o Colexio achegan unha serie de consellos clave para o verán. Por unha banda, recomendan contar con lentes de sol homologadas, é dicir, que pasasen un control sanitario por parte dun óptico-optometrista, e un filtro adaptado ás características do usuario. Ademais, aconsellan utilizar lentes polarizadas, dado que bloquean a luz máis molesta, achegan unha visión sen reflexos e protexen fronte aos raios ultravioleta.
O Colexio tamén destaca que baixo a auga é importante protexerse, neste caso con lentes de mergullo totalmente pechadas, que evitan a entrada de bacterias que poden producir infeccións e conxuntivite. Para quen usen lentes de contacto, o Colexio aconsella mellor o uso de lentes desbotables diarias, xa que as partículas de po, area ou mesmo as bacterias poden quedar na lente de contacto e manterse en contacto co globo ocular.
Doutra banda, o Colexio apunta que se debe ter coidado co vento, sexa por desprazamento
en moto, bicicleta ou coche convertible, que pode ocasionar a entrada de partículas ou corpos estraños que xeren molestias ou irritación. Tamén fai un apuntamento polo aire acondicionado, dado que produce ollos secos, para o que se recomenda o uso de pingas humectantes ou bágoas artificiais que manteñan o ollo hidratado de forma máis eficaz.
É importante que a protección da vista perdure en días nubrados, xa que aínda que non se vexa o sol, a luz reflíctese de forma máis difusa. Tamén hai que extremar a protección se se viaxa á montaña, posto que a radiación aumenta entre un 10 e un 12% por cada 1.000 metros de subida e pode producir queimaduras e lesións na vista.
Por último, o Colexio destaca que se debe poñer especial atención na protección de grupos vulnerables como crianzas e adolescentes, terceira idade, mulleres embarazadas e persoas que recentemente se someteron a operacións de cataratas ou cirurxía retractiva, que poden ser máis sensibles á luz ultravioleta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.