Galicia conmemora o aniversario do Estatuto de 1936 entre o debate sobre a reforma do actual

O BNG rexistrará a activación do protocolo para reformalo. PSdeG comparte a necesidade de actualizalo e o PP ábrese a estudar a proposta, pero dubida que haxa "consenso" para alcanzar acordos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2022 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A conmemoración do 86 aniversario da aprobación por plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia do ano 1936 reavivou o debate político sobre a actualización e reforma do actual, en vigor desde 1981.

Hemiciclo galego no XI Lexislatura, con Rueda como presidente e Elena Candia na Mesa da Cámara. PARLAMENTO DE GALICIA
Hemiciclo galego no XI Lexislatura, con Rueda como presidente e Elena Candia na Mesa da Cámara. PARLAMENTO DE GALICIA

Ás portas da efeméride, que se celebra este martes 28 de xuño, o BNG avanzou que rexistrará a activación para o proceso recollido no Estatuto para a súa reforma, co obxectivo de dotar Galicia dun novo marco que a recoñeza como nación e lle outorgue "máis poder político e económico".

A mensaxe foi lanzado pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, este luns ás portas da Facultade de Medicina de Santiago, lugar no que se aprobou o documento definitivo que foi sometido a plebiscito en xuño do 36, aínda que a sublevación militar menos dun mes despois truncou o seu desenvolvemento.

O Estatuto do 36 tamén foi conmemorado polo PSdeG noutro acto en Santiago, neste caso, celebrado no Panteón dos Galegos Ilustres, onde descansan, entre outros, os restos de Castelao, un dos impulsores políticos do marco de autonomía para Galicia de comezos do século XX. Antes, en declaracións aos medios nunha convocatoria previa, o portavoz dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, expresou a necesidade de actualizar o marco estatutario para adaptalo ás necesidades da Galicia actual.

Pola súa banda, o viceportavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, abriu a porta a participar dunha "reflexión" sobre o Estatuto, aínda que mostrou as súas dúbidas sobre a posibilidade de alcanzar "consensos" similiares aos que, segundo o popular, houbo para sacar adiante o texto de 1981.

ACTIVACIÓN ARTIGO 56

Así as cousas, o Bloque rexistrará a activación do artigo 56 do Estatuto de Autonomía, que recolle a posibilidade de que o Parlamento impulse o proceso para a súa reforma sempre que exista o apoio dunha quinta parte dos seus membros, limiar que supera a formación frontista cos seus 19 parlamentarios na presente lexislatura. Con todo, a aprobación do novo marco estatutario require que voten a favor dous terzos da Cámara da proposta de lei orgánica, que debería pasar polas Cortes antes de ser sometida a referendo.

A meta do BNG é dotar a Galicia dun autogoberno que rompa "co centralismo" e "a dependencia" das decisións adoptadas en Madrid a través dun marco que lle brinde "máis poder político e económico". "Non temos medo a ter máis poder político, porque cando deciden desde Madrid, moitas veces deciden contra nós", aseverou. Todo para facer fronte a unha "encrucillada histórica" que, en palabras de Pontón, se abre nun momento de crise que, ademais de supor "o caldo de cultivo perfecto para a involución democrática, a regresión de liberdades e a concentración da riqueza", fan necesaria a adopción de "cambios estruturais".

"A chave do futuro é ter capacidade de decisión en cuestións como financiamento, fiscalidade, enerxía ou costas, que son claves para a creación de riqueza e benestar", aseverou Pontón, arroupada no acto por deputados e membros da dirección do Bloque.

Por iso, paralelamente á reforma do Estatuto, a formación frontista reclama a apertura de negociacións co Estado para lograr transferencias de competencias. Para Pontón, as cero competencias transferidas durante os 13 últimos anos deixan en evidencia a un PP ao que acusa de "envolverse na rectórica galeguista pero practicar o centralismo puro e duro".

ADAPTARSE AO SÉCULO XXI

Adaptar o Estatuto "á Galicia do século XXI" é o obxectivo que se pon o PSdeG. O seu líder, Valentín González Formoso, expresou este luns o ánimo do partido a reformular o marco estatutario fronte á tumba de Castelao, na igrexa de San Domingos de Bonaval.

Alí, arroupado por parlamentarios e cargos da organización, Formoso demandou a apertura dunha mesa de diálogo para reformular o documento que rexe o autogoberno de Galicia, comunidade na que percibe un "inmobilismo" en cuestións como o desenvolvemento competencial que "prexudica" a súa cidadanía.

Os socialistas queren que o novo estatuto dote a Galicia da capacidade de promulgar decretos leis para situacións que requiren medidas "urxentes", unha necesidade que, segundo o tamén presidente da Deputación coruñesa, puxo de manifesto a pandemia ou a espiral inflacionista dos últimos meses.

"Galicia non pode responder con flexibilidade e axilidade a este escenario complexo porque non tivo a capacidade de reformar o seu estatuto", incidiu o socialista, que lembrou que Galicia e Euskadi son as únicas autonomías que teñen estatutos "de primeira xeración".

Por todo iso, González Formoso emprazou a PP e BNG a sentar e establecer un diálogo de cara á remodelación dun marco estatutario que recolla avances en ámbitos como a emerxencia climática ou a igualdade, entre outros.

O PP NON SE PECHA, PERO PON EN DÚBIDA QUE HAIA CONSENSO

Ante a demanda explicitada polas dúas forzas da oposición parlamentaria, o grupo maioritario na Cámara galega, o PPdeG, asegurou que non se pecha a "unha reflexión" respecto diso, pero puxo en dúbida que haxa o "consenso" preciso para debater sobre unha reforma do marco estatutario autonómico e incidiu en que a súa prioridade agora son os "perentorios problemas" das economías familiares.

Alberto Pazos Couñago, viceportavoz popular, ironizou con que lle "alegra" que o BNG "atope motivos para felicitar e celebrar a aprobación dun Estatuto", en relación á carta estatutaria do 36, e lamentou que os nacionalistas "se sumasen con menos entusiasmo" á conmemoración do Estatuto vixente, que permitiu "o maior desenvolvemento da autonomía de toda a historia de Galicia".

O Estatuto que lles gusta "celebrar" aos populares, dixo, "ofreceu froitos evidentes para o conxunto da sociedade galega e naceu do consenso". Por iso, os populares cren que "a cuestión non é se hai que modificar ou non" esta norma, senón analizar "se existe o mesmo consenso" que cando saíu adiante o Estatuto de Autonomía de 1981.

Pazos remarcou que, durante a etapa do bipartito á fronte da Xunta, houbo "un intento errado", que atribuíu a "discrepancias dos dous grupos que agora insisten en que hai que abordar esa materia". "Non sei se xa se puxeron de acordo, se o fan se cadra podemos estudar unha proposta porque, a día de hoxe, non temos ningunha máis aló da explicitación dun desexo", reflexionou.

Dito isto, esgrimiu que os populares teñen como prioridade atender "os problemas urxentes" das economías familiares, que ven "bastante máis perentorias" que as propostas de BNG e PSdeG en relación a reformar o Estatuto.

"Imos seguir centrados nos problemas dos galegos na súa vida cotiá sen pecharnos a ningunha reflexión, sempre que se produza nos termos de consenso nos que xurdiron sempre as normas fundamentais de Galicia", resumiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

1 Ricardo R.

El estatuto de 1936 fue promovido por el mayor pucherazo de la historia de Galicia. Celebrarlo es propio de república bananera.

1 Segunda feira

Quén nos dera sermos república, aínda que fose castanheira. Ti prefires festexar a sangría xenocida que ocorreu despois, verdade?

2 Ricardo R.

Galicia nunca fue república, ni lo será. Lo que vino después del pucherazo fue el asesinato político del gallego Calvo Sotelo a manos de los pistoleros del gobierno. Luego el genocidio contra curas, monjas y cualquiera que pensara un poco distinto del Frente Popular.

3 Terça feira

A nova fala da Galiza, non da caverna espanhola. O que pasou no resto do estado nada ten que ver coa masacre que se perpetrou eiquí (case que 4000 inocentes asasinados).