Confiscados case 2.000 cacharros para a captura ilegal de polbo e 166 quilos deste cefalópodo

A Consellería lembra que hai unha veda en vigor.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/06/2022 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, comisaron nos últimos días 1.950 cacharros de polbo --aparellos de uso prohibido-- que contiñan, en total, 166 quilos deste cefalópodo.

Cacharros de polbo comisados por Gardacostas de Galicia
Cacharros de polbo comisados por Gardacostas de Galicia | Fonte: XUNTA.

Segundo informa a Xunta, foron interceptados nun operativo realizado en augas exteriores á altura da Guarda que se enmarca no conxunto dos controis que efectúa diariamente este corpo para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos do mar.

A Consellería lembra que hai unha veda en vigor desde o pasado 20 de maio ata as 5,00 da mañá do 4 de xullo --o vindeiro luns--, a cal prohibe expresamente a captura do polbo coa finalidade de "axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución, á vez que se contribúe a unha explotación máis sustentable".

Ademais, a Xunta lembra á cidadanía que o consumo de marisco extráido e comercializado ilegalmente pode supor un risco para a saúde, ao non pasar ningún control que o avale.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta