Sindicatos ven "disposición" na Xunta para negociar un acordo que manteña o emprego na educación concertada

Concentraranse coa patronal e ANPAs este mércores ante Educación contra o peche de unidades.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/06/2022 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

CC.OO. e UGT reuníronse este martes con responsables da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e afirman que hai "disposición" para convocar, en próximas datas, unha reunión para negociar un acordo de mantemento de emprego en centros concertados.

Aula dun colexio. EUROPA PRESS - Arquivo
Aula dun colexio. EUROPA PRESS - Arquivo

Segundo informan as organizacións, mantiveron un encontro co director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, e a subdirectora xeral de Centros, Susana Castro. Este mércores, acudirá á reunión a CIG.

As organizacións trasladáronlles a súa "preocupación pola perda de postos de traballo como consecuencia do peche de unidades" na concertada. Por iso, aínda que saúdan a vontade da Xunta a negociar un acordo, advirten de que están "en disposición de pasar a fases máis reivindicadoras" se os intereses dos traballadores "non fosen atendidos".

"UGT, CC.OO. e CIG volvemos demostrar eficacia e de que lado estamos na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras do ensino concertado", conclúen os sindicatos, nun comunicado.

Por outra banda, varias entidades do sector da educación concertada concentraranse este mércores ante a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en Santiago de Compostela, despois dos peches de unidades notificados, "especialmente na etapa de Educación Infantil", para o curso 2022/23.

Así, a Federación Escuelas Católicas, que engloba a maioría destes centros, chama a participar nestas protestas que tamén secundan a Confederación Española de Centros de Educación (CECE), a Confederación Católica Galega de AMPAS (Congapa) e os sindicatos FSIE, SNEP e USO.

Escolas Católicas advirte que detrás desta medida de peche de unidades, tomada "de forma unilateral e sen negociación de ningún tipo", escóndense "unha vez máis políticas de aforro nun campo tan importante como é o educativo e nun momento no que se vai a implantar unha nova lei".

Ademais, a federación advirte que esta xestión "suporá tamén a perda de emprego para un número importante de docentes", mentres que outras comunidades negocian "medidas organizativas" que o eviten.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta