A Festa do Pan de Cea ofrecerá dúas mil pezas de pan e unha ruta para visitar os fornos

A cita foi presentada este mércores no Pazo Provincial da Deputación de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2022 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

San Cristovo de Cea, en Ourense, acollerá este fin de semana a súa tradicional homenaxe a un dos produtos gastronómicos de referencia en Galicia, o pan de Cea. Para iso, porá á venda 2.000 pezas dese alimento e ofrecerá a posibilidade de realizar unha ruta polos fornos nos que se elabora.

A cita foi presentada no Pazo Provincial da Deputación de Ourense polo presidente da institución, Manuel Baltar; o alcalde do Concello, José Luís Valladares; e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, Carlos Rodríguez.

Trátase da XXIX Festa da Exaltación do Pan de Cea, unha cita que se recupera tras dous anos de parón por mor da pandemia, algo que destacou o rexedor municipal, José Luís Valladares, que convidou a "todo o mundo a gozar" deste evento nunha xornada que describiu como "moi especial".

Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador, Carlos Rodríguez, foi o encargado de explicar que hai dous anos quedaron sen existencias apenas pasadas as once da mañá e, por iso, nesta ocasión poñerán a disposición do público algo máis de dúas mil pezas de pan.

Ademais, Rodríguez anunciou que o pregón correrá a cargo de José Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, nacido en San Cristovo de Cea, a quen presentará Marisa Crespo Leiro, recentemente nomeada filla predilecta deste concello e tamén cardióloga e investigadora destacada.

RUTA DOS FORNOS

A festa será este domingo día tres de xullo, pero a programación comezará xa o sábado coa celebración de diversos talleres que versarán sobre o complexo proceso de elaboración do pan e daqueles produtos gastronómicos que teñen como base este alimento.

Así mesmo, durante a xornada do sábado, entre as 18.00 horas e as 20.00 horas, terá lugar a tradicional Ruta dos Fornos, un evento que cumpre este ano a súa oitava edición e no que os participantes terán a oportunidade de percorrer seis distintos fornos, un máis que na anterior edición, gozando de distintas experiencias gastronómicas en cada un deles co pan como protagonista.

Todo iso acompañado de animación musical a cargo de diferentes agrupacións como Feitizo de Pau ou Pandereteiras de Celavella. Ao final da ruta haberá dous concertos na Praza Maior a partir das 22.45 horas.

Nos actos do domingo, ademais, haberá charangas, gaitas e actuacións musicais acompañando o pregón das festas e a comida popular con múltiples produtos de denominación de orixe. Durante toda a xornada tamén haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores, desde artesanía ata gastronomía, que se darán cita na mostra feiral onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios Galegos.

Entre eses produtos o pan de Cea do que o presidente do Consello Regulador enxalzou que este ano se aumentou a súa produción con respecto ao 2020, "chegando case a 700.000 pezas repartidas en múltiples mercados", nos que resalta especialmente "a Comunidade Valenciana e Andalucía, así como o incremento de demanda na restauración de alta cociña".

Pan de Cea
Pan de Cea | Fonte: madridtienemiga.wordpress.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta