As familias do 'Pitanxo' terán o 7 de xullo unha videoconferencia con Canadá na embaixada de Madrid

Viaxarán en próximas datas ao Parlamento europeo e á Axencia Europea de Seguridade Marítima.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/07/2022 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

Familiares das 21 vítimas do naufraxio da pesqueiro 'Villa de Pitanxo', afundido o 15 de febreiro a 450 kiómetros da costa de Terranova (Canadá), manterán unha videoconferencia con autoridades do país norteamericano na súa embaixada de Madrid o vindeiro xoves, 7 de xullo. O luns poranse en contacto con esta oficina para fixar os temas a abordar.

Familiares de mariñeiros falecidos sosteñen pancartas e fotografías nunha concentración, ás portas do Congreso dos Deputados, a 8 de xuño de 2022
Familiares de mariñeiros falecidos sosteñen pancartas e fotografías nunha concentración, ás portas do Congreso dos Deputados, a 8 de xuño de 2022 | Fonte: Juan Barbosa - Europa Press.

Así o informou este sábado a portavoz das familias, María José de Pazo, despois de que esta semana rexeitasen acudir á reunión coas autoridades de Salvamento Marítimo de Canadá que organizou a Delegación do Goberno en Galicia.

Segundo xustificaron, esta negativa débese á "falta de comunicación e a falta de respecto" que, ao seu xuízo, tivo a institución con elas, xa que estableceu a data do 29 de xuño de forma "unilateral".

Agora, daranse cita telematicamente coas autoridades canadenses o vindeiro xoves en horario de tarde, debido á diferenza horaria co país norteamericano. As familias establecerán un primeiro contacto coa embaixada o luns, unha vez pasada a semana do cume da OTAN, para fixar os asuntos da videoconferencia do día 7.

VIAXES A BRUXELAS E LISBOA

Ademais, De Pazo avanzou que os familiares das vítimas planean desprazarse o día 18 a Bruxelas, para comparecer ante a Comisión de Peticións do Parlamento europeo, co obxectivo de presentar un escrito que informe de que levan "meses pedindo" ás administracións que lles informen de "por que non se baixa" ao pecio do buque para investigar o que ocorreu.

Neste contexto, a portavoz das familias pregúntase por que a principios de xuño o buque oceanográfico 'Vizconde de Eza' se achegou á zona onde se afundiu o 'Villa de Pitanxo' sen que se lle desen instrucións de medir a profundidade da zona, xa que dita embarcación "ten sónar para realizalo", segundo explicou De Pazo.

Así mesmo, as familias lembran que continúan coa súa loita porque case cinco meses despois "ninguén" lles deu "unha resposta nin ningún escrito nin anexo de expertos" sobre o que sucedeu na madrugada do 15 de febreiro.

Todas estas cuestións tamén as levarán nunha próxima viaxe a Lisboa, onde se atopa a sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA, polas súas siglas en inglés).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta