Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/07/2022 | Actualizada ás 19:04
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participou este fin de semana no 5º Congreso do Partido Democrático dos Pobos - HDP, formación kurda, para trasladar a "total solidariedade e apoio" dos nacionalistas galegos ante "a represión e a persecución exercida" polo presidente de Turquía, o "ditador" Recep Tayyip Erdogan.
A tamén coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque asistiu a este evento, que contou con miles de participantes, como parte da delegación da Alianza Libre Europea (ALE). En palabras de Miranda, o congreso do HDP serviu para enviar unha mensaxe ao Goberno turco de que seguen "en pé" e non van ceder ante "o fascismo de Erdogan" nin ante a "persecución" á que son sometidos.
Neste contexto, demanda que finalice "a hipocrisía do Goberno español, que vende armas a Turquía", pero tamén "da Unión Europea", porque "en lugar de defender os dereitos humanos do pobo kurdo segue pagándolle a Turquía polo control das fronteiras nun acordo da vergoña".
Así mesmo, dado que no país transcontinental haberá eleccións o próximo ano, a responsable do BNG avanza que estará "moi pendente" do que ocorra nos próximos meses co HDP: "É fundamental que teñan garantido que poidan concorrer ás eleccións en igualdade de condicións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.