Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/07/2022 | Actualizada ás 18:24
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, pediu este martes "reforzos" á Policía Nacional para "pór freo" á preocupación veciñal do barrio de Santa Icía pola "okupación" de vivendas. Así llo trasladou á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; ao xefe superior do Corpo en Galicia, Ramón Gómez; e ao novo comisario provincial, Fernando Javier Martínez, nunha reunión no concello para abordar cuestións relacionadas coa seguridade cidadá.
Ferreiro explicou que hai meses que o Concello, a través da Policía Local, incrementou a vixilancia na zona e que aos propietarios de inmobles susceptibles de ser okupados se lle enviaron requirimentos para que tapien as súas vivendas e evitar así a entrada de persoas alleas.
"Os veciños e veciñas de Narón", manifestou a rexedora, "necesitan medidas supramunicipais para atallar esta situación que padecen día a día e que lles fai temer pola súa propia seguridade en numerosas ocasións". Os representantes da Policía, pola súa banda, insistiron na importancia de que a cidadanía denuncie estas situacións.
Durante o encontro, no que estiveron presente o comisario xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, Javier María de Loresecha; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, e o xefe da Policía Local, Eduardo Pita, tamén se falou do roubo de cable de cobre, que en dous meses, incidiu a alcaldesa, supuxo "só en material unha perda de 45.000 euros", e da venda de drogas, sobre a que a Policía Nacional incidiu en que, ademais dos controis que realiza, os veciños "alerten sobre posibles inmobles ou puntos negros".
O persoal da Comisaría de Ferrol-Narón incrementarase en 36 novos axentes (25 policías, tres oficiais e oito alumnos en prácticas) proximamente, co que se situará nas 232 persoas. Sobre este aumento, Rivas sinalou que "axudará, sen dúbida, a prestar un mellor servizo á cidadanía", ademais de contribuír a "fortalecer o traballo conxunto que realizan a Policía Local e Nacional", algo que redundará na "coordinación e cooperación entre os distintos Corpos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.