O Decreto do Plurilingüismo de Feijóo, principal obstáculo entre PP e BNG para acadar un Pacto pola Lingua

O PPdeG insiste en chegar a un "pacto pola lingua" cunha "renovación total" do Plan de Normalización Lingüística, pero os nacionalistas piden, ademais, derogar o decreto da época Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2024 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

A lingua segue no centro da polémica. Os distintos partidos tentan fiar fino para ver se chegan a un pacto que se antolla moi complicado ante as posturas encontradas, sobre todo, de populares e nacionalistas. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, confirmaba este xoves que tratarán de iniciar a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística antes de que acabe o ano e que contará con 11 áreas de impacto, entre as que se atopan as novas tecnoloxías e o audiovisual.

Así se expresou en declaracións aos medios este xoves, tras reunirse os grupos parlamentarios, acompañado polo secretario de xeral de Lingua, Valentín García, na Cámara autonómica. Esta é a segunda rolda de contactos da Administración galega coas forzas políticas en aras de chegar a un novo Pacto pola Lingua. López Campos destacou o "clima de diálogo" que se está creando entre o Goberno galego e os diferentes grupos con representación parlamentaria, "necesario" para "pensar nese gran pacto que Galicia necesita".

Nesta liña, considera que, vistos os datos do uso do galego, "os primeiros que teñen que dar exemplo son as formacións políticas". "Teño que dicir que creo que estamos nese camiño (...). Hai esa sensibilidade. Todos coincidimos no diagnóstico, todos cremos que estamos nun escenario, nese ciclo de 20 anos, no que necesitamos actualizar as ferramentas que temos a disposición para impulsar o uso do galego na sociedade. E entendemos que esa gran ferramenta que temos a disposición é o Plan Xeral de Normalización Lingüística", defendeu.

11 ÁREAS DE IMPACTO

A este respecto, explicou que a proposta formulada aos grupos consiste nun novo documento, o que sería o novo Plan de Normalización, para o que se formarán 11 grupos de traballo en 11 áreas "de impacto" que recibirán as diferentes achegas e información das formacións políticas. As áreas amplíanse desde 2004, cando eran nove, e inclúen sectores como as novas tecnoloxías ou o audiovisual, adecuándose á "situación social de Galicia, que cambiou".

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. XOÁN CRESPO | Fonte: XUNTA

Concretamente, trátase dunha batería de 50 propostas, tamén presentadas nestas reunións, "aliñadas co plan e en distintos ámbitos, pero fundamentalmente no sanitario, educativo e xudicial". O conselleiro citou algunhas, como a posta a disposición nos centros de saúde e hospitais de Galicia dos documentos nas dúas linguas, informar o persoal deses sectores de que a lingua de relación cos usuarios debe ser, "preferentemente", o galego, e as microformaciónss específicas de 10 horas para cada unha das áreas.

López Campos tamén apelou a ese diálogo que citaron as formacións políticas. "Veño de percorrer as principais institucións do país: a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, distintas editoriais... Todos insisten en que necesitamos, desde a parte política, dar unha imaxe de que estamos ante un novo escenario, un no que temos que chegar a acordos necesariamente", sinalou. "Teño que dicir que creo que estamos nese camiño (...). Hai esa sensibilidade. Todos coincidimos no diagnóstico, todos cremos que estamos nun escenario, nese ciclo de 20 anos, no que necesitamos actualizar as ferramentas que temos a disposición para impulsar o uso do galego na sociedade. E entendemos que esa gran ferramenta que temos a disposición é o Plan Xeral de Normalización Lingüística", defendeu.

DECRETO DO PLURILINGÜISMO

Pero para o BNG a renovación do Plan de Normalización non é suficiente. E é aquí onde chocan as visións contrapostas entre nacionalistas e populares xa que estes non están dispostos a ceder nun dos anuncios estrelas que tivo Feijóo cando chegou ao poder a Galicia no 2009. 

Preguntado por como poden afectar as posicións atopadas ao redor da derrogación do Decreto do Plurilingüismo, o responsable de Lingua diferenciou entre este asunto e a renovación do plan xeral. "Son moitísimas cousas nas que podemos traballar en positivo. A gran maioría das cuestións son coincidentes e podemos avanzar e hai algunhas outras nas que, evidentemente, hai discrepancias", recoñeceu o conselleiro. Sobre isto, non rexeitou a posibilidade de pór sobre a mesa unha modificación do decreto, pero si insistiu en que, os grupos que abogen por esta cuestión, son os que deben presentar unha proposta alternativa que aínda non recibiron.

"Non imos entrar en cuestións semánticas, en cuestións léxicas, sobre derrogación ou modificación. O que si nos gustaría é que, se o BNG introduce ese debate, gustaríanos ter unha proposta. Non imos cambiar un decreto sen saber a proposta alternativa", comentou, apuntando tamén que sería un tema a abordar en conxunto coa comunidade educativa. "Non son cambios fáciles pero, evidentemente, si estamos dispostos a ver e estudar unha proposta", aseverou.

'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua
'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua | Fonte: Queremos Galego

O BNG PIDE SUPRIMIR O DECRETO DO PLURILINGÜISMO

Sobre este asunto, a deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Mercedes Queixas, tachou de "insuficiente e inconcreta" a revisión proposta pola Xunta do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Lingua Galega e insistiu na necesidade de "modificar" e "derrogar" o coñecido como Decreto do Plurilingüismo.

Así o expresou en declaracións aos medios este xoves, tras reunirse co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario de xeral de Lingua, Valentín García, na Cámara autonómica. Esta é a segunda rolda de contactos da Administración autonómica cos grupos parlamentarios en aras de chegar a un novo Pacto pola Lingua.

Para Queixas, falta por concretar que medidas do plan xeral, aprobado en 2004 por unanimidade tal e como lembrou, vanse a desenvolver de maneira inmediata, no curto prazo. "Hai máis de 400 medidas, na súa inmensa maioría sen desenvolver, que se poden implementar desde unha política comprometida co galego", sinalou. Nesta liña, volveu a pedir un cronograma para saber como se van a ir desenvolvendo durante a lexislatura as medidas dun plan que, dixo, debe ser "ambicioso e estar verdadeiramente comprometido, con medidas de reforzo positivo". Os nacionalistas están tamén "preocupados" porque non haxa un "xesto significativo" de ampliar os orzamentos para este ámbito.

O BNG, asegurou, acudiu á reunión con "os deberes feitos". Tal e como relatou, días despois da primeira reunión, entregaron ao Goberno galego unha proposta cunha serie de puntos que a formación considera "clave" para "avanzar na normalización lingüística e, sobre todo, reverter a situación de extrema gravidade, de emerxencia lingüística" que reflicten os últimos datos.

PSDEG PIDE UN PACTO DURADEIRO

Pola súa banda, a deputada socialista Silvia Longueira instou a que as medidas que se poñan en marcha no marco do Pacto pola Lingua, teñan unha "perdurabilidadr" no tempo e reivindicou o clima de diálogo que se está creando ao redor das negociacións.  Longueira recoñeceu que no grupo socialista están "contentos" porque "parece que van para diante" unha serie de propostas que buscan "desactivar a caída en picado do galego".

"Imos estar atentos a construír ese futuro que se supón cunha achega de propostas e con participación", asegurou, en relación ás 11 áreas de acción que a Xunta propón para renovar o Plan Xeral de Normalización Lingüística. A socialista insistiu no feito de que, 20 anos despois do último plan xeral, a sociedade galega "non é a mesma" e ten "outras motivacións e outras tecnoloxías que tamén a fixeron socialmente diferentes".

Precisamente apelando ao clima de entendemento, Longueira puxo como liña vermella que a "consolidación" das medidas agora propostas teñan unha "perdurabilidad no tempo". "Non podemos estar a cuestionar, por encima de diferenzas partidistas e políticas, o patrimonio que existe en Galicia, que nos fai diferentes e que tamén nos fai máis iguais entre nós e máis fortes de face ao exterior", defendeu.

O PPdeG DISPOSTO A MODIFICAR O PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Pola súa banda, o deputado do grupo do PPdeG, José Luís Ferro, instou ao resto de forzas políticas a "manter o clima de diálogo" en torno ao debate sobre o novo Pacto pola Lingua e avanzou que a Xunta propuxo unha "renovación integral" do Plan de Normalización Lingüística de 2004. Na mesma liña expresouse o deputado do grupo mixto por Democracia Ourensana, Armando Ojea, que a falta de estudar as propostas en profundidade, non ve motivos para "non apoialas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta