Por E.P. | Madrid | 05/07/2022 | Actualizada ás 18:29
O BNG mostrou o seu rexeitamento á aprobación dun crédito extraordinario no Consello de Ministros para aumentar neste ano o gasto militar en 1.000 millóns de euros e avisa de que iso irá "en detrimento" das políticas sociais.
O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, denuncia que isto implica reducir os recursos dispoñibles en cuestións tan esenciais como políticas sociais, servizos públicos, investimentos ou promoción do emprego. Ademais, entende que o compromiso coa OTAN de aumentar ata o 2% do PIB o gasto militar hipotecará a capacidade de desenvolver políticas a favor das maiorías sociais precisamente nun momento de grave crise social e económica.
"Cando hai centos de milleiros de persoas que o están pasando realmente mal --millóns no conxunto do Estado-- é un despropósito dedicar 1.000 millóns de euros dos recursos públicos, sempre limitados a aumentar o gasto militar", sostén Rego, que asegura que a prioridade debería ser as políticas de protección social, de desenvolvemento económico e de fomento do emprego.
O deputado nacionalista asegurou que non pode chamarse progresista un goberno cuxa prioridade é aumentar a compra de armamento por enriba de atender as necesidades básicas da poboación nun momento de extremas dificultades pola crise de prezos.
"Parece que Pedro Sánchez prefire atender o mandato da OTAN e os seus intereses do complexo militar-industrial dos Estados Unidos que os intereses das maiorías sociais e dos pobos do Estado", sinala Rego, que lembra que a propia OTAN dixo que "se aseguraría" de que o Goberno español cumprise.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.