A Deputación de Pontevedra renova o apoio á Asociación de Persoas Xordas de Galicia cunha achega de 10.000 euros

O servizo está dirixido tanto a persoas con diversidade sensorial como a institucións que necesiten, de maneira puntual, dunha persoa intérprete de lingua de signos para poder manter unhas relacións óptimas tanto a nivel persoal como social ou xurídico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2022 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra renovou o seu apoio á Asociación de Persoas Xordas de Galicia 'XOGA' cunha achega de 10.000 euros para o desenvolvemento do programa 'Capaces coa diversidade: servizo de intérpretes e guía-interpretes de lingua de signos', do que se benefician 300 persoas de 44 concellos da provincia.

Segundo detallou a Deputación, trátase dun servizo que facilita o acceso á información para as persoas con diversidade sensorial na contorna social, laboral e de lecer, favorecendo a súa independencia, mellorando a súa calidade de vida e fomentando unha maior integración nunha sociedade maioritariamente oínte".

Así mesmo, explicou que o servizo de interpretes e guía-interpretes de Lingua de Signos da provincia de Pontevedra é un programa que a Asociación XOGA oferta ao longo de todo o ano co obxectivo de eliminar as barreiras de comunicación entre as persoas con diversidade sensorial e as persoas oíntes a través de linguaxe de signos, e alcanzar así a accesibilidade das persoas con deficiencia auditiva.

O servizo está dirixido tanto a persoas con diversidade sensorial como a institucións que necesiten, de maneira puntual, dunha persoa intérprete de lingua de signos para poder manter unhas relacións óptimas tanto a nivel persoal como social ou xurídico.

En concreto, participan neste programa unhas 300 persoas dos concellos de Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa, Lalín, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vigo e Vilagarcía.

Na provincia de Pontevedra hai preto de 15.500 persoas con diversidade sensorial que presentan dificultades de carácter permanente para acceder á información e comunicarse.

TRES TALLERES DE 'SMARTPEME'

Por outra banda, a Deputación informou de que esta semana ofertará, a través de 'SmartPeme', tres novas accións formativas mixtas impartidas de maneira en liña e presencial.

En concreto, as accións tratarán temas como a fabricación dixital coa ferramenta 'Onshape', redes sociais para establecementos turísticos e ciberseguridade.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta