Por E.P. | A CORUÑA | 11/07/2022 | Actualizada ás 14:42
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, confirmou a imposición de "penalidades económicas" á empresa concesionaria das bibliotecas municipais --Servizos Bibliotecarios LTM-- por non cumprir "as súas obrigacións" recollidas no prego respecto ao abono dos salarios dos traballadores.
Dita compañía non realizou o ingreso da paga extra de verán aos 77 empregados da rede no tempo marcado polo Concello, isto é, "antes das 14,00 horas do pasado venres". A rexedora asegurou este luns que ese día, 8 de xullo, o Goberno municipal comunicou á empresa que se non pagaban aos empregados do servizo a nómina extra habería "sancións".
"Como non abonaron xa se impuxeron as sancións", apostilou, sen confirmar o importe das mesmas. "Non sei a cantidade exacta, é en función do que aparece nos pregos", explicou.
Os traballadores esixen cobrar a extra do pasado mes de xuño e garantir o cobro dos seus salarios para os próximos meses, segundo informou a alcaldesa, quen anunciou que se non se realiza o pago, "abonarao o Concello".
CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS
Esta situación de falta de pagamento, levou aos empregados da rede de bibliotecas municipais da Coruña a programar un calendario de mobilizacións que incluíu varias xornadas de folga e concentracións ás portas do Concello.
Inés Rey manifestou que o Goberno municipal está a tomar "todas as medidas necesarias" e "axilizando o máximo posible" os trámites para garantir que estes traballadores cobren os seus salarios, pero que son procedementos administrativos que "levan o seu tempo". Expuxo ademais, a posibilidade en "último caso" de "rescindir o contrato".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.