Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/07/2022 | Actualizada ás 09:00
Grazas a antigos membros do colectivo Frente Comixario, nacido na avanzada década dos 80 e tendo como xermolo a actividade e concursos de cómics da Casa da Xuventude de Ourense, pódese traer á memoria o fanzine Frente Comixario.
Este histórico fanzine de banda deseñada está dispoñible na rede. O web Archive.org alberga os documentos en pdf desta publicación, xestada en Ourense e que marcou en gran medida o desenvolvemento da BD galega nos primeiros anos 90.
A colección que agora se publica recolle as entregas 1 a 6 do fanzine, que naceu cun número 0 para recoller traballos premiados no certame de BD da Casa da Xuventude de Ourense. Non se inclúen nin este número 0 nin tampouco os especiais "Pelegrín" e "Zombies" que saíron baixo a mesma cabeceira.
Entre 1989 e 1993, o fancine Frente Comixario foi unha referencia da BD galega, agrupando a grande parte dos creadores do momento e conseguindo unha tiraxe e distribución inéditas ata o momento. Ademais, albergou unha tentativa de profesionalización co lanzamento dunha colección de álbums, que só tivo unha entrega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.