Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2022 | Actualizada ás 14:47
Representantes do funcionariado de prisións concentráronse ante a Delegación do Goberno en Galicia para manifestar a súa repulsa polo incremento das agresións dos presos aos traballadores dos centros penais e reclamar máis seguridade. A mobilización celebrada este xoves foi convocada pola sección sindical de UGT Galicia da Agrupación dos Corpos da Administración de Institucións Penais (ACAIP).
"Esta concentración está a celebrarse simultaneamente nas outras 16 autonomías de España", sinalou o representante de ACAIP UGT, Pedro Vázquez, quen explicou que "estes últimos días" se produciron "varias agresións moi fortes" que viñeron a aumentar "todo o malestar que hai en prisións".
PRISIÓNS GALEGAS
Respecto dos cárceres galegos, puntualizou que se producen incidentes "todos os días", sobre todo, nas prisións máis grandes como son A Lama e Teixeiro. "Isto é algo que non ocorría desde hai moito tempo e que coincide curiosamente cun dos períodos de menor poboación recluída en España", destacou, e responsabiliza diso ás "políticas" do secretario xeral de Institucións Penais, Ángel Luís Ortiz.
"Non quere asumir que hai unha porcentaxe moi pequena de internos que non poden convivir co resto da poboación, que son inadaptados, e está a baleirar os módulos de seguridade de primeiro grao e trasladando estes internos a módulos xerais que é onde se están producindo estas agresións", explicou o sindicalista.
Pedro Vázquez asegurou que as agresións físicas que realizan os presos son "con intención realmente de matar" porque o interno "perdeu o respecto ao funcionario" debido a que é coñecedor de que o seu comportamento "non ten ningunha consecuencia penal e agora tampouco reximental". "O noso labor é reinsertar os internos pero hai que asumir que hai que protexerse daqueles que non poden ou non queren", apostilou.
OUTRAS REIVINDICACIÓNS
Pedro Vázquez lembrou que este colectivo leva "moito tempo en conflito" e "ante a inacción de varios gobernos" seguen mantendo unhas "reivindicacións históricas" de tipo económico, aumento de persoais e cambios lexislativos. "Non se acometeron medidas de reforma da institución desde o principio da democracia", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.