Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/07/2022 | Actualizada ás 15:19
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou as súas reticencias ante un posible rescate da concesión da AP-9, actualmente privada, en mans de Audasa. "Ningún rescate é gratis e hai que ver canto supón iso e que consecuencias vai ter", dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Así, Rueda dixo que, antes de falar de rescatar a vía privada con máis tránsito de Galicia, o Goberno central tería que transferir a competencia, algo que xa demandaron os tres principais partidos políticos galegos no Parlamento galego. "E unha vez que teñamos a transferencia, xa se vería", manifestou.
En todo caso, o presidente galego volveu pedirlle ao Goberno central o "mesmo trato" a Galicia que ten con outros territorios e pediu "máis bonificacións" para a AP-9, xa que as que se puxeron en marcha "en anos pasados non tiveron efecto".
AS PONTES
Por outra banda, o presidente galego tamén se referiu ao anuncio de que a planta térmica das Pontes volva a poñerse en funcionamento tras a guerra de Ucrania, en contra dos plans enerxéticos da UE para a total descarbonización do espazo europeo. "Toda a transición enerxética do Goberno central tiña moitos factores e é normal que pase isto sen escoitar aos diferentes sectores", dixo.
Ademais, criticou que o peche das Pontes se faga por "ideoloxía". "Non só a ideloxía pode ser o que presida a toma de decisións dun goberno", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.