A CIG rexeita que Red Eléctrica decida sobre a continuidade da térmica das Pontes e reclama "decisións políticas"

Propón, entre outras medidas, manter plenamente operativos os grupos 1 e 2 da central.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/07/2022 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, reclamou ao Goberno "decisións políticas" sobre o futuro inmediato da térmica das Pontes e rexeita que sexa o operador do sistema, Red Eléctrica Española, o que determine as condicións de reactivación da central.

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Europa Press.

"Non lle compete unha decisión deste calado", aseverou Carril nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Ferrol, onde denunciou que o anuncio "non foi transparente" cando debería ser unha oportunidade para "afrontar unha transición enerxética social e territorialmente xusta, ordenada e que dea seguridade ao sistema eléctrico, ademais de xerar alternativas de emprego e de reindustrialización".

"Isto non pode significar para As Pontes un paso atrás nas axudas e os proxectos industriais que estaban en marcha", incidiu o responsable da central sindical, que incidiu en que é necesario que haxa "unha maior seguridade na subministración eléctrica e, ademais, unha transición xusta, compasando os tempos que permitan o mantemento do emprego e a implantación dos proxectos que garantan a reindustrialización e o emprego de futuro".

Pola súa banda, o responsable de Enerxía do sindicato nacionalista, Fernando Branco, explicou as cinco propostas coas que a CIG quere construír unha "transición xusta" e non "unha pura reconversión, que é o que se fixo ata agora".

Así, Branco instou ás partes a pór os grupos 1 e 2 da central en "condicións de operatividade total". Trátase, lembrou, da parte da central na que se acometeron os investimentos millonarios para adaptarse á Directiva de Emisións Industriais (DEI), pero a súa posta en funcionamento debe ir precedida dunha "revisión profunda porque o mantemento estaba en fase de abandono".

Nese sentido, o portavoz da CIG recalcou que "ningún goberno prudente pecharía hoxe en día ningunha instalación eléctrica porque estamos, convén lembralo, ante un problema de desabastecemento e encarecemento de prezos".

Ademais, a central nacionalista cre que deben ofertarse os megawatts dos grupos 3 e 4 aos proxectos en marcha relacionados coa transición, como se está facendo, dixo, en Andorra-Teruel. "Os proxectos que se están anunciando dependen de ter liña de evacuación", remarcou.

Outro dos puntos que propón o sindicato é crear chan industrial nas Pontes, "do que carece desde hai anos", e, para iso, aposta por liberar terreos de Endesa que se atopan na zona dos grupos 3 e 4.

Dese modo compaxinaríase a actividade produtiva dos grupos 1 e 2 e poderíase seguir optando ás axudas para a transición. Liquidar as afectacións que pesan agora mesmo sobre os terreos da antiga mina para permitir o asentamento industrial e analizar a situación actual do vertedoiro e do lago son outras propostas da CIG.

Pola súa banda, o representante da Federación de CIG-Industria, Alberte Amado, reclamou ademais unha extensión da garantía de emprego, tanto das auxiliares como do persoal propio da central.

Amado lembrou que o compromiso de Endesa en termos laborais "remata o día 31" e que é necesario ampliala, como tamén o é o "regreso dos compañeiros da empresa principal que foron trasladados no seu momento a outros centros".

Ademais, reclamou a convocatoria inmediata da Mesa de Transición das Pontes, que, subliñou, "leva máis dun ano sen convocarse" e, por tanto, sen dar resposta ás "alternativas laborais para a industria auxiliar e os transportistas", entre outros asuntos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta