Marca de calor en Ourense con 44 graos, o segundo maior rexistro en Galicia desde que hai datos

Da alteración dos horarios do comercio á satisfacción das tendas de electrodomésticos: os efectos das temperaturas extremas.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 14/07/2022 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O pico da onda de calor deixou en Galicia unha nova xornada de temperaturas extremas. A máis alta, ás portas de alcanzar os 44,2 graos alcanzados en agosto de 2016 na localidade ourensá de Leiro e que é marca galega, rexistrouse en Ourense cidade: 44 graos, a maior temperatura rexistrada na cidade.

Un termómetro marca 49 graos en Ourense o 14 de xullo de 2022
Un termómetro marca 49 graos en Ourense o 14 de xullo de 2022 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Así o reflicten os valores extremos que recollen as medicións publicadas por Meteogalicia, que ratifican que Ourense é a provincia máis afectada polas elevadas temperaturas e tamén a que, polo momento, está a sufrir os efectos dos incendios forestais --en Ribadavia e Melón--.

O concello de Ourense rexistrou 44 graos ás 16,30 horas deste xoves. Pero tamén superaron os 43 a localidade lucense de Ribas de Sil (43,3 graos ás 16,10 horas) e Leiro (Ourense) --43,1 graos ás 16,20 horas--. Preto dos 43 graos --con 42,9-- quedouse Vilamartín de Valdeorras; mentres que en Verín chegouse aos 42,2 graos.

As temperaturas extremas en Ourense se fixeron notar en gran parte dos sectores pero especialmente no comercio, xa que son moitos os establecementos que decidiron cambiar o seu horario para evitar as horas de maior calor e menos afluencia de persoas.

Unha situación xa coñecida por algúns locais da capital, en Ourense, onde non é estraño que decidan abrir máis tarde despois de comer e ata máis entrada a noite. Pero con esta onda de calor son outros os concellos que se sumaron, como o do Carballiño onde por primeira vez os establecementos adheridos ao centro comercial, ao redor dunha vintena, viron modificado o seu horario, ou o Concello de Ribadavia onde a situación se repetiu.

Quen se viron beneficiados son os locais de venda de electrodomésticos, que presumen estes días dun incremento de vendas de aparellos para sufocar as temperaturas e sinalando como o máis vendido os ventiladores, como explican desde Cenor Ourense.

Na hostalaría tamén se fai notar. No Carballiño son varios os restaurantes que atrasan os horarios de cociña como 'O Caserío', e que tamén falan de terrazas baleiras ata "pasadas as 20.00 da tarde e aínda así con pouca afluencia, porque non está a refrescar", pero apuntan a unha repunta cara á noite "a partir das 22.30".

REUNIÓN DE MAIORES SUSPENDIDA

Mostra da calor sufocante na provincia é a suspensión da 'Reunión de Maiores', que celebraría a súa 42 edición esta fin de semana no Carballiño.

A Xunta de Galicia planeaba a recuperación desta celebración tras dous anos de parón, pero debido a que se prevén temperaturas superiores aos 39 graos decidiu buscar unha nova data que desde o Concello apuntan para o próximo mes de setembro.

ACTIVIDADES QUE SE MANTEÑEN

A pesar de todo hai actividades que resisten á calor como as "noites teatrais" en Vilamarin, mañá coa súa última actuación ás 21.30 horas o auditorio, onde a calor non é un obstáculo.

Tampouco o é para as sesións de cinema ao aire libre do Carballiño e O Barco de Valdeorras ou para o Festival de Monicreques de Verín que se realizará este fin de semana con todas as funcións a partir das 20.30 horas.

AVISO LARANXA

O aviso de risco extremo por altas temperaturas, que superarán os 44 graos centígrados (ºC) quedará este venres limitado á provincia de Badaxoz, aínda que boa parte do resto do Estado non quedará moi lonxe deste extremo, xa que a Axencia Estatal de Meteoroloxía avisa por risco importante a boa parte da península.

En concreto, nove comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Castela e León, Castela A Mancha, Cataluña, Galicia, Madrid, Navarra e A Rioxa) estarán en aviso de risco importante (laranxa) por altas temperaturas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta