Por E.P. | Lugo | 19/07/2022 | Actualizada ás 19:02
O cineasta galego Oliver Laxe e a Asociación SER, en colaboración coa Xunta, puxeron en marcha nos Ancares as residencias de desenvolvemento de proxectos cinematográficos 'Procesos creativos esenciais', que terán lugar entre o 2 e o 11 de setembro na aldea de Vilela, entre os concellos lucenses de Navia de Suarna e Cervantes.
Durante ese dez días, o propio Laxe asesorará e axudará no desenvolvemento dos proxectos cinematográficos de 15 creadores e creadoras e daralles tamén a oportunidade de profundar no seu proceso creativo e no dos seus compañeiros.
"Á hora de facer unha película un ten que ter claras as súas intencións. Non se trata só de pescudar a película que queres facer, trátase de entender a película que debes facer: facer cinema é decidir o mundo no que queres vivir", manifestou Oliver Laxe.
A residencia será tamén un lugar no que se profundará "nas intuicións, as intencións, as ideas e as imaxes, na relación entre os participantes e aquilo que queren filmar".
Así mesmo, detállase que as xornadas de asesoría en materias como a escritura de guión, a posta en escena, a xestión interpretativa, o casting, a produción ou o financiamento estarán acompañadas con sesións opcionais de meditación e ioga dirixidas por profesionais, proxeccións de películas na sala de cinema, paseos no bosque, baños no río Ser, preparación de pan en forno de leña, traballos na granxa do pobo ou exercicios de respiración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.